Solapas principales

Só en soldos o goberno de Santiago Amor aforrará 109.000 euros

Sábado, 09 de julio de 2011

[09-07-2011] O grupo de goberno levou a pleno a proposta de que cada grupo político cobre 150 euros mensuais e que cada concelleiro perciba a cantidade de 100 euros. Ademais concédelle un auxiliar administrativo a cada un dos grupos da oposición, PSOE e BNG, renunciando o partido popular ao mesmo. Se a situación económica mellora co tempo o rexedor amiense comprometeuse a “revisar” estas cantidades e as condicións en xeral nas que quedan os grupos. Esta proposta saíu adiante cos votos a favor do PP, mentres que o PSOE votou en contra e o BNG se abstivo. Pilar Candocia deixou claro que o seu grupo “non quere dedicación exclusiva pero considera que se debe ter en conta o valor que ten a oposición” e recriminoulle ao goberno que o auxiliar administrativo non fose un administrativo, así como a rebaixa de 300 a 150 euros a cantidade asignada ao grupos e a de 150 a 100 euros a rebaixa que se fixo aos concelleiros. Esta medida suporá un gasto de 2.550 euros ao mes o que supón un aforro do 50% do que se viña gastando na anterior lexislatura. Para Candocia e para Patricia Conde o goberno aplica o aforro só na oposicións. Na votación deste punto o BNG abstívose, o PSOE votou en contra e o PP a favor.

Do mesmo xeito en que o goberno presidido por Santiago Amor se comprometeu a revisar nun futuro as cantidades asignadas aos grupos, tamén o fixo coas dedicacións exclusivas que pasan de cinco e media a tres e media respecto a anterior lexislatura. O número de dedicacións foi aprobado cos votos do PP, o BNG abstívose e o PSOE votou en contra. O grupo de goberno amiense terá tres dedicacións a tempo parcial e dúas a tempo completo. As dedicacións completas serán asumidas polo alcalde, Santiago Amor, e polo concelleiro de Persoal, Reforma Administrativa, Servizos e Urbanismo, Ramón G. Argibay. As parciais son para o concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, Bernardo Moar, a concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, María González e para o concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro. Trátase dunha proposta moi axustada que supón un aforro para o goberno, que pasa de 339.644 euros na pasada lexislatura, a 230.698, polo tanto só en soldos o goberno de Santiago Amor aforrará 109.000 euros.

Por primeira vez no concello de Ames o goberno fai públicos os salarios

O goberno municipal fixo públicos os salarios que percibirán tanto o alcalde como os catro concelleiros que teñen algún tipo de dedicación. Deste xeito o alcalde de Ames, Santiago Amor, percibirá unha salario bruto anual de 49.716 euros, o concelleiro de Persoal, Reforma Administrativa, Servizos e Urbanismo, Ramón Argibay, disporá dun salario de 44.744,99 euros, o concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, Bernardo Moar, cobrará a contía de 31.321.49, mentres que os concelleiros de Deportes, tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro, e a concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, María González, percibirán 26.846,99 euros. Trátase de contías brutas anuais.

Santiago Amor fixo públicos varios porcentaxes no tocante ao aforro que realizará o goberno popular en Ames, trátase do 50% nas asignacións dos grupos municipais, o 43% en persoa administrativo, o 32% nas dedicacións e o 5% no soldo do propio rexedor e no dos concelleiros con dedicación. Ademais, por primeira vez nun pleno en Ames non se deron só as porcentaxes dos soldos do persoal de confianza e dos concelleiros, se non que se fixeron públicas as cantidades exactas que estes cobran nun exercicio de "transparencia" que tanto o propio Santiago Amor coma o portavoz do Partido Popular, Ramón G. Argibay reiteraron que seguirán mantendo durante os próximos catro anos de goberno popular en Ames.

O alcalde amiense Santiago Amor aproveitou para dar un dato moi significativo sobre a situación orzamentaria do concello de Ames. O rexedor municipal manifestou que ao goberno lle quedan 17.700 euros de orzamentos para o seis meses que restan de ano.

Outra das propostas levadas a pleno foi a aprobación do persoal eventual de confianza. O grupo de goberno aprobou os postos de dúas administrativas e unha auxiliar de administración. Neste punto os dous partidos da oposición amosaron o seu total desacordo e votaron en contra por considerar que o que se aforra na oposición se gasta nestes postos, pero o voceiro popular, Ramón G. Argibay, explicou que os once concelleiros precisan o asesoramento, e colaboración destas persoas para atender a todo aquel que se achegue ao gabinete de alcaldía pois "nós recibimos a todo o mundo, son moitas as persoas que cada día se achegan ata alcaldía e nunca se lle dixo a ningunha volva vostede dentro de tres semanas, nin se deixou de atender a ninguén" matizou o alcalde, Santiago Amor.

Noutro punto, o grupo de goberno cedeu no pleno á petición do BNG de que cada grupo estea presente en dous órganos colexiados polo que o PP terá presencia no consello escolar do colexios de Agro do Muíño, e IES de Ames, o PSOE na EEI Milladoiro, situada na Travesía do Porto, e CEIP Barouta, e o BNG no colexio CEIP Val da Maía e CEP Ventín. Esta proposta foi aprobada por unanimidade no pleno.

Periodicidade dos plenos e Xuntas de Goberno Local

En canto a periodicidade na que se celebrarán as sesións ordinarias do pleno a corporación municipal acordou que os plenos se celebren o último xoves de cada mes, ás 20:00 horas, excepto as sesións correspondentes aos meses de agosto e setembro que se realizarán o seguinte xoves despois de que remate o período de vacacións. Por outra banda, as Xunta de Goberno Local celebraranse o primeiro e o terceiro xoves de cada mes. Isto suporá un aforro do 50% en canto as asignacións que recibirán os concelleiros que forman parte deste órgano municipal, xa que durante a anterior lexislatura celebrábase unha sesión da Xunta de Goberno Local cada semana. Dende o grupo de goberno consideran que este acordo permitirá un importante aforro económico sen provocar un atraso na tramitación administrativa dos temas que presenten os veciños e veciñas amienses.

Outro dos temas que se trataron no pleno de organización foi a composición das comisións informativas permanentes. O grupo de goberno propuxo que se constitúan seis comisión informativas, incrementándose dúas respecto á anterior lexislatura. O grupo de goberno xustifica o aumento das comisións informativas por unha cuestión organizativa e recórdalle á oposición que se celebran varias comisión durante a mesma xornada os concelleiros/as só perciben o pagamento dunha.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El gobierno de Ames se baja el sueldo pero aumenta los cargos"
El Correo Gallego: "El gobierno amiense recorta un 50% la asignación a los grupos"