Solapas principales

Case 230 rapazas e rapaces amienses foron de campamento no mes de xullo

Martes, 02 de agosto de 2011

[02-08-2011] Durante o mes de xullo, as rapazas e rapaces amienses puideron gozar dunha intensa axenda de actividades de entretemento, unha aposta clara do Concello de Ames para que os nenos e nenas non se aburran nin un só instante. Para iso, os campamentos constitúen a mellor opción de lecer. Así pensan tamén as nais e os pais de 228 pequenos e pequenas que participaron durante este mes nos campamentos ofertados polo Concello. As cativas e os cativos gozaron da experiencia de vivir novas aventuras nunha nova paraxe e rodeados pola natureza, o deporte, a aprendizaxe e a compaña doutros rapaces. O obxectivo desta iniciativa é fomentar a solidariedade, o respecto, a colaboración e a igualdade.

O Concello de Ames oferta para a tempada estival numerosas actividades de divertimento para os máis pequenos e pequenas do municipio. Trátase de conciliar a vida familiar e laboral dos pais e as nais amienses e, ao tempo,conseguir que os rapaces e rapazas aprendan e se entreteñan. Escolas de verán, bibliopiscinas, animación na rúa son algunhas das actividades que desenvolve o Concello de Ames para o divertimento dos seus pequenos habitantes. Porén, as actividades preferidas dos pais e dos cativos son as que se desenvolven nos campamentos de verán. Arredor de 230 rapazas e rapaces participaron durante o mes de xullo nos catro campamentos organizados polo Concello. Os nenos e nenas de terceiro, cuarto, quinto e sexto de primaria e as mozas e mozos de secundaria participaron durante máis de tres días nunha viaxe onde contaron con múltiples eventos e cunha cantidade innumerable de experiencias e actividades.

Ames vaise de campamento

O albergue Os Biocos, situado na Serra de Trives, concretamente en San Xoán de Río, contou coa presenza de preto de 90 pequenos e pequenas amienses. Durante o mes de xullo, 86 rapazas e rapaces de quinto e sexto de primaria participaron nunha aventura onde o ceo e os astros foron os protagonistas.. Cunha estadía de cinco días, os cativos conseguiron converterse en verdadeiros expertos en astronomía grazas ás observacións nocturnas e diúrnas do firmamento, á construción de radiotelescopios e reloxos de sol e á análise da fotografía meteorolóxica. Porén, non todo ten relación coa astroloxía. Os rapaces tamén realizaron outras actividades como a busca do tesouro con GPS, sendeirismo, piscina, tiro con arco e bicicleta de montaña. As pequenas e pequenos de quinto de primaria continúan aínda no campamento e está previsto que regresen ás súas casas o domingo ás sete da tarde.

Corenta mozas e mozos da ESO colleron o transporte rumbo a Cabárceno o pasado venres 22 de xullo para iniciar a súa experiencia no campamento natural situado neste pobo de Cantabria. Nas lindes do Parque Natural de Cabárceno, a rapazada amiense continúa gozando de diversas formas de entretemento onde a natureza e o deporte constitúen os valores fundamentais, unha experiencia que durante 10 días deleitará os rapaces e rapazas amienses.

Cantabria, Ourense e tamén Fornelos de Montes en Forcarei son os destinos aos que se dirixiron os nenos e nenas amienses. Neste último lugar situado na provincia pontevedresa, as pequenas e pequenos de Ames de terceiro e cuarto de primaria permaneceron na Granxa Escola O Kiriko durante catro días e tres noites. Máis de 100 rapaces e rapazas gozaron do aire fresco e da aventura que supón vivir uns días lonxe da casa. Tiro con arco, rocódromo, tobogán de auga, itinerarios ambientais, piragüismo, son algúns dos xogos que realizaron os participantes neste campamento. Pero non todo é xogar, tamén hai espazo para a aprendizaxe e, por iso, os cativos e cativas encargáronse durante a súa estadía de cultivar legumes na horta e de coidar os animais da granxa escola. A burra Paloma, as aves, as cabras, as ovellas, os coellos salvaxes e mesmo un mapache estiveron rodeados dos coidados e do agarimo dos rapaces durante os tres días que estes estiveron no Kiriko.

A oferta lúdica e educativa do Concello para a tempada estival non remata agora. Neste mes continuarán as actividades das escolas de verán, as bibliopiscinas e un novo campamento parte cara ao seu destino. Hoxe día 1 de agosto, corenta nenos e nenas de segundo de primaria marchan rumbo a Barreiros onde, durante tres días, gozarán dunha divertida aventura na granxa escola.

Sms do Concello

Coa finalidade de manter informados aos pais e nais dos participantes nos campamentos de verán, o Concello de Ames realiza un contacto directo a través do envío de varias mensaxes de texto ao longo da estadía dos rapaces nos campamentos. Trátase de ofrecer información relacionada co funcionamento das xornadas e, á vez, dar conta de calquera incidencia que aconteza no desenvolvemento da actividade. Deste xeito, preténdese evitar a saturación das liñas telefónicas das instalacións e do monitorado que se atopa coas pequenas e pequenos e, tamén, informar e tranquilizar os pais e as nais.