Solapas principales

Esta fin de semana celébranse as festa da Peregrina en Bertamiráns

Viernes, 12 de agosto de 2011

[12-08-2011] A tempada estival garante sempre en Galicia verbenas e festas durante toda a semana e este é o caso de Ames. Despois da celebración da Madalena a fin de semana pasada no Milladoiro e os festexos da parroquia de Agrón, agora tócalle a quenda a Bertamiráns. Esta localidade amiense colle forzas para celebrar os días 12, 13 e 14 de agosto as festas en honra a súa patroa, a Virxe da Peregrina. Deporte, baile e moita música sintetizan un programa de festas onde o divertimento dos veciños e veciñas amienses se convirte no obxectivo desta festividade.

Un ano máis, Bertamiráns honra a súa patroa coa celebración das festas da Peregrina. Durante a fin de semana, os habitantes de Ames poderán gozar dunha ampla oferta de entretemento que pretende facer as ledicias dos asistentes. O pistoletazo de saída terá lugar este venres ás dez da noite no campo da festa, ao carón da capela da Peregrina, coa actuación do grupo de pandereteiras Maianas, doce rapazas que coas súas voces espertan o interese pola música tradicional galega. Por outra banda, neste primeiro día de festas tamén haberá rock a cargo de dous grupos de Ames. Un dos grupos que actuará é Birlibirlocke. Por último, haberá un concerto folk de Xabier Díaz Trío, cantante que eleva a maxistral o folclore galego. Esta última actividade está subvencionada polo Concello de Ames.

O sábado, a tradicional tirada das 21 bombas de palenque avisarán aos veciños e veciñas amienses do anuncio das festas. De seguido, a charanga Santiaguiños de Padrón fará o seu particular camiño por Bertamiráns cun animado pasarrúas. Pola tarde, a festividade estará centrada na música e no deporte. En canto ao espectáculo musical, ás seis da tarde terá lugar na Praza da Mahía o concerto da Banda de Música de Arca (O Pino), evento que se atopa subvencionado pola Deputación provincial. A gran verbena comezará a partir das once da noite no campo da festa da Peregrina. A orquestra Casablanca e a orquestra-espectáculo Ananconda serán as responsables de encher de son e divertimento a noite amiense. En canto a oferta deportiva, os habitantes de Bertamiráns poderán gozar de fútbol e do xogo de chave. Como xa ven sendo habitual, Ames acollerá este sábado unha nova edición do Torneo de Chave da Peregrina por parellas onde os participantes farán o máximo posible para conseguir gañar o campionato. Por outra banda, o equipo Bertamiráns B recibirá a Villestro no Campo Municipal de Fútbol de Bertamiráns, onde disputarán un emocionante partido amistoso onde o equipo local porá toda a carne no asador.

O domingo, os amienses espertarán un día máis co son das 21 bombas de palenque e co posterior pasarrúas que estará protagonizado pola Banda de Música de Arzúa que está subvencionada polo Concello de Ames. A gran protagonista das festas é a Virxe Peregrina polo que ás 12:30 h. da mañá terá lugar a misa solemne e procesión en honra a patroa de Bertamiráns. Tras o acto relixioso, os e as asistentes gozarán dunha sesión vermouth a cargo do grupo Xuntanza. Durante a tarde, iniciarase o VIII Trofeo de Fútbol "Café Don Budi" que enfrontará no campo municipal aos equipos de Bertamiráns e Negreira ás 19:00 horas. O grupo Xuntanza acompañará na xornada nocturna a orquestra Marimba que fai da música "verbenera" o seu atractivo fundamental.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, desexa que todos os veciños e veciñas de Bertmiráns gocen das festas patronais na mellor das compañas e amosa o seu agradecemento a comisión que co seu esforzo fai posible a celebración desta festividade. Por outra banda, o rexedor municipal quere lembrar a situación de "moitas familias que pasan momentos difíciles" e envía unha mensaxe de ánimo e de compromiso no que "traballaremos para mellorar a situación na medida na que nos sexa posible". Dende a Comisión de Festas da Peregrina de Bertamiráns agradécese de "todo corazón" a todas aquelas persoas que fixeron posible a celebración un ano máis dos festexos en honra da patroa e desexa a tódolos amienses unhas "felices e inesquecibles festas da Peregrina 2011".



Contido relacionado


El Correo Gallego: "A Peregrina llega a Bertamiráns con mucho ritmo"