Solapas principales

Oca está en festa este sábado na honra da Virxe do Corpiño

Sábado, 24 de septiembre de 2011

[24-09-2011] O lugar de Oca na parroquia de Ames celebra este sábado a festa na honra da Virxe do Corpiño. Esta festividade contará con misas dende as dez da mañá, procesión, son de gaitas e pasarrúas polo lugar e baile e diversión durante toda a xornada. Unha extraordinaria forma de recuperarse do axetreo do traballo e de unir e fortalecer lazos entre os veciños e veciñas de Oca.

Todo está xa preparado para celebrar a festa na honra da Virxe do Corpiño. Este ano, a celebración, por motivos laborais, adiántase un día para facilitarlle a asistencia a aquelas persoas que queiran acudir. A partir das dez da mañá, celebraranse na igrexa de Oca diversas misas para honrar á Virxe do Corpiño. Posteriormente, está prevista a celebración ás 13:00 horas da misa cantada e posterior procesión. Durante a mañá, o grupo de gaitas de Sar, Colexiata do Sar, realizará un pasarrúas dende as 11:00 h da mañá e tocará diversas pezas tradicionais durante a procesión.

A sesión vermú correrá a cargo da orquestra Paraíso que será a encargada de transportar pola noite aos veciños e veciñas do lugar a unha especie de edén musical. A música non deixará de soar ata as tres da mañá, aproximadamente, poñendo o punto e final, un ano máis, a esta entrañable festa onde a boa compaña de veciños e amigos resulta fundamental.

Este acontecemento supón para os habitantes de Oca un encontro extraordinario onde os e as asistentes poden compartir diversión, charlas e gargalladas e, a súa vez, intensificar lazos posto que esta festa serve para "aproveitar para ver persoas que non ves a diario", di Manuel Lens, membro da comisión de festas.

O mal tempo boa cara

A comisión de festas invita a todos e todas as amienses a participar neste evento festivo que, como consecuencia da crise económica, conta cun presuposto máis axustado. Porén, este contratempo non supón ningún impedimento para festexar posto que os principios polos que se rexe a comisión están sempre relacionados coa oferta dun servizo festivo de calidade para os veciños.

Por outra banda, destacar que aquelas persoas que desexen acudir a festividade non terán motivos para preocuparse por mirar cara o ceo posto que a comisión de festas instalará unha carpa no campo da festa para evitar os cambios meteorolóxicos de última hora xa que, como eles mesmos din, "calquera se fía do tempo".

A comisión de festas agradece a colaboración de todos os veciños e veciñas que axudaron a celebrar este festexo grazas aos seus donativos e tamén agradece ao Concello de Ames e a Deputación da Coruña a súa colaboración en forma de subvencións. Coa finalidade de conseguir o presuposto fixado, os membros da comisión organizan ao longo do ano diversos acontecementos gastronómicos para recadar fondos. Entre outros, destaca a celebración, o ano pasado, da I Festa Gastronómica das Papas de Millo.

Boa compañía e baile este sábado en Oca.