Solapas principales

Comeza unha nova edición do programa de Psicomotricidade educativa e preventiva

Miércoles, 05 de octubre de 2011

[05-10-2011] Preto de100 nenos e nenas de idades comprendidas entre 3 e 5 anos participarán nunha nova edición da actividade de Psicomotricidade educativa preventiva desenvolvida polo Concello de Ames. A actividade realízase nas aulas de psicomotricidade dos colexios CEIP A Maía, CEIP Agro do Muíño e na Escola infantil do Milladoiro. As clases comezan a primeira semana de outubro nos tres centros de ensino. Esta xa é a sexta edición deste programa que ten como obxectivo favorecer no neno/a a expresión das súas vivencias, medos e emocións dun xeito espontáneo.

Co programa de psicomotricidade educativa e preventiva preténdese traballar a expresividade motriz dos cativos e cativas para mellorar a súa relación coa contorna e as condicións do seu crecemento como persoas. Nas sesións trabállase o movemento, a expresión oral e corporal e as manifestacións gráficas e plásticas. Ademais, estas clases tamén están orientadas a que os nenos e nenas se acostumen a respectar os demais dentro dun grupo sen que teña que haber conflitos. O Concello aposta por axudar os nenos e nenas a madurar na primeira etapa de escolarización.

Para conseguir iso, traballase en grupos reducidos durante unha hora. Este curso son tres os centros de ensino que acollerán as clases de psicomotricidade educativa e preventiva. A EEI Milladoiro e o CEIP A Maía contarán con tres grupos mentres que no CEIP Agro do Muíño seguirá habendo dous. Estas actividades comezaron o día 3 de outubro no CEIP Agro do Muíño onde hai dous grupos (grupo A , das 16:15 h ás 17:15 h, e grupo B, das 17:30 h ás 18:30 h). O dia 10 de outubro e a mesma hora a monitora terá unha xuntanza na aula de informática cos pais e coas nais para darlles información sobre a actividade.

Para os martes quedan as sesión que se desenvolven no CEIP A Maía e que comezaron a impartirse o día 4 de outubro. Neste centro de ensino dividíronse os/as nenos/as en tres grupos (grupo A, das 16:00 h ás 17:00 horas; grupo B, das 17:10 h ás 18:10 h; e grupo C, das 18:20 h ás 19:20 h). O xoves día 6 será a quenda na Escola de Educación Infantil do Milladoiro. O primeiro grupo desenvolverase das 16:30 h ás 17:30 h, o segundo, das 17:45 h ás 18:45 h; e o terceiro, dende ás 19:00 ata as 20:00 horas. Os días 4 e 6 de outubro e á mesma hora na que se imparte esta actividade, a monitora terá unha xuntanza cos pais/nais para darlles información sobre o programa de psicomotricidade. As listaxes cos horarios están expostas na Oficina Municipal do Milladoiro e na Oficina de Educación e Servizos en Bertamiráns.

Durante a primeira etapa infantil, ata os 6 anos aproximadamente, os cativos adquiren os coñecementos e aprendizaxes dun xeito práctico: a través da acción e do movemento. O corpo é a canle principal para aprender. Isto é así porque os nenos e nenas ata esta idade, 5-6 anos, atópanse nunha situación de globalidade, e os avances motores que acaden vanlles permitir sentar as bases para estar preparados para outras aprendizaxes máis abstractas. Así por exemplo, se un neno ou nena non experimenta suficientemente a nivel corporal, xogando, conceptos como arriba/abaixo, dentro/fóra, adiante/atrás... será moi complicado que adquira habilidades como a lecto-escritura xa que nelas van implícitos estes conceptos.

Está demostrado que darlles aos cativos oportunidades para que se movan nun espazo axeitado favorece o desenvolvemento global da intelixencia e proporciónalles unhas bases sólidas para futuras aprendizaxes. Cando un neno acada habilidades novas no seu movemento (saltar, trepar, equilibrarse...) experimenta sensacións moi pracenteiras de dominio, autoestima, poder... que lle permitirán sentirse mellor consigo mesmo e, polo tanto, tamén se sentirán mellor cos que o rodean e seralle máis fácil relacionarse con eles. Concentrarse nos labores escolares nestas idades, ás veces tamén resulta complicado xa que os nenos e nenas aínda non teñen o nivel de maduración requirido para estas tarefas.


Estimula a creatividade

A psicomotricidade ofrece un espazo preparado para potenciar os descubrimentos e a creatividade dos nenos a través dunha dinámica de xogo libre. Movemento, acción, xogo e pracer son as primeiras claves no desenvolvemento motor e psíquico do neno. Tanto os materiais que se poñen á súa disposición, como a organización do espazo e do tempo, a estruturación da sesión... favorecen a maduración persoal e o avance cara á adquisición da identidade persoal.

As principais claves que se buscan con este traballo son que os cativos aprendan a entender e a respectar a cada compañeiro; que confíen nas súas capacidades e nos seus recursos. Vai ser el, o mesmo neno, por medio do seu facer, do seu xogar, do seu movemento, da súa expresión... quen nos indique o que precisa, quen nos exprese os seus medos e as súas vivencias.

O obxectivo xeral que se persegue é apoiar e favorecer o desenvolvemento dos nenos e nenas. Outros obxectivos máis xenéricos son favorecer o coñecementos das partes do corpo; permitir a descarga de medos e angustias; tomar conciencia dos demais, das súas necesidades; favorecer o aumento da autoestima, da autonomía persoal, do pensamento autocrítico e do autocontrol, e potenciar a comunicación e o diálogo.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Comeza en Ames unha nova edición do programa de Psicomotricidade educativa e preventiva"