Solapas principales

A Aula de informática do Milladoiro acolle un curso de iniciación á internet

Miércoles, 25 de enero de 2012

[25-01-2012] Durante os vindeiros días a Aula de informática do Milladoiro acolle un curso de iniciación á internet. Este obradoiro enmárcase dentro da programación de inverno que desenvolve esta aula de informática e que realiza a Concellería de Cultura, Educación e Patrimonio. O curso está dirixido a persoas maiores de 18 anos e impártese en horario de mañá, de 10:00 h. a 11:30 horas, e de tarde, de 18:00 h. a 19:30 horas. É un curso gratuíto de 7,5 horas lectivas e no que participan vinte persoas. Ademais, para o mes de febreiro está previsto que se realice outra actividade formativa, neste caso dirixido aos máis pequenos, para que aprendan a elaborar diapositivas de Entroido. Para o mes de marzo queda un curso de iniciación a Windows e ao procesador de textos Writer.

As novas tecnoloxías están cada vez máis presentes, e saber empregar un computador ou navegar pola Internet é indispensable. Por iso, a aula de informática do Milladoiro organizou unhas xornadas de iniciación á Internet. Este obradoiro comezou este mércores, 25 de xaneiro, e desenvolverase ata o día 31 de xaneiro. Hai dúas quendas, unha de mañá e outra de tarde. En cada quenda participan 10 alumnos/as. Nestas xornadas están participando 20 persoas. O horario de mañá é de 10:00 h. a 11:30 horas, mentres que polas tardes os alumnos asisten ás clases dende as 18:00 h. ata as 19:30 horas. Estas xornadas son gratuítas e están dirixidas a persoas maiores de 18 anos.

A través destas xornadas preténdese ensinar o uso básico da Internet para actividades da vida diaria como son ler a prensa, consultar a web do concello, solicitar cita para o médico de cabeceira ou facer unha compra a un supermercado. Ademais serven para que os asistentes valoren o uso da Internet como unha vía de comunicación e para o desenvolvemento persoal de cada usuario/a. Estas xornadas están pensadas para todas aquelas persoas que nunca usaron Internet e que son un pouco remisas a sentarse diante dun ordenador porque pensan que non son capaces de usalo e teñen medo a rompelo.

Contidos do curso

Na primeira xornada o alumnado recibiu unha pequena introdución para coñecer as partes básicas do ordenador, como usar o teclado e o rato, que é Internet, as súas características e usos, estrutura e características dos enderezos web, os navegadores Mozilla Firefox e Internet Explorer, as barras das ventás dos navegadores, etc. Ademais consultaron a páxina do Concello de Ames para coñecer como está estruturada a información.

Por outra banda, van consultar as páxinas dixitais dos principais medios de comunicación que están na rede. Os usuarios poderán obter información máis actualizada que a publicada nas edicións impresas, consultar a hemeroteca, consultar as edicións de distintas localidades e escribir comentarios nalgunhas noticias.

Outras funcións que van realizar son pedir cita para o médico de cabeceira, facer unha compra a un supermercado, aprender a usar o buscador Google para atopar páxinas a partir dun texto ou usar o Google maps para calcular unha ruta. Outras tarefas que realizarán son crear unha conta de correo e posteriormente enviar correos electrónicos.

Servizo de Aula Aberta

Por outra banda ofrécese o servizo de Aula Aberta, habitualmente entre as 16:00 e as 20:00 horas, do que poden facer uso dos ordenadores todas as persoas que estean empadroadas no concello. Durante estes días, e debido ao curso que se está levando a cabo, o horario de Aula Aberta redúcese de 16:00 h. a 18:00 horas.