Solapas principales

A Policía local detén unha persoa por incumprir a orde de afastamento da súa muller

Martes, 14 de febrero de 2012

[14-02-2012] A Policía local dá conta dalgunhas actuacións que desenvolveu durante a última fin de semana. Este corpo de seguridade realiza os seus labores co fin de garantir o benestar de toda a veciñanza amesá. Os axentes da Policía local de Ames procederon á detención dunha persoa por incumprir a orde de afastamento da súa muller. Ademais, o pasado domingo, 12 de febreiro, identificaron catro menores por un suposto delicto de roubo en grao de tentativa e falta de furto. Outras actuacións que realizaron foron tres denuncias por supostos delictos contra a seguridade viaria e a identificación de tres persoas por movemento de sinais e barreiras de obras na rúa Entrerríos, en Bertamiráns.

O pasado venres, 10 de febreiro, a Policía local detivo unha persoa por incumprir a orde de afastamento da súa muller. Os axentes do corpo de seguridade amiense recibiron a chamada dun veciño da rúa Rosalía de Castro, no Milladoiro, avisando de que unha persoa estaba intentando acceder a un edificio e causando danos na porta de acceso. Unha vez localizada a devandita persoa, procedeuse a súa detención por un suposto delicto de quebrantamento de condena ao incumprir a orde de afastamento da súa muller.

Outra das actuacións que realizou a Policía local de Ames durante a fin de semana pasada produciuse o domingo 12 de febreiro ás 21:00 horas, tras recibir un aviso dunha veciña da rúa da Travesía da Peregrina. A persoa que deu o aviso escoitou un forte ruído procedente do garaxe do edificio onde reside e chamou á Policía local. Os axentes amienses atoparon no interior do garaxe catro menores e procederon a súa identificación por un delicto de roubo en grao de tentativa e de falta de furto. Posteriormente, os menores foron entregados aos seus proxenitores. A Garda Civil do Milladoiro abriu as correspondentes dilixencias por este caso.

Ademais, os axentes amienses imputaron varios delictos por supostos actos contra a seguridade viaria. A seguridade viaria segue a ser unha prioridade para a Policía local de Ames. O venres 10 de febreiro, ás 21:30 horas, denunciouse a unha persoa que circulaba polo polígono do Milladoiro nun ciclomotor dado de baixa e sen luz traseira. Ademais da denuncia, os axentes procederon á inmobilización do ciclomotor.

A segunda denuncia por un suposto delicto contra a seguridade viaria produciuse o sábado, 11 de febreiro, ás 13:00 horas. Esta denuncia imputóuselle a unha persoa que conducía un vehículo sen obter previamente o carné de conducir. A terceira e última denuncia produciuse o domingo, 12 de febreiro. A Policía local denunciou unha persoa por conducir baixo os efectos do alcol. O condutor do vehículo deu un resultado de 0'84 mg/l, na proba de alcol, cando o máximo permitido legalmente é de 0'25 mg/l.

Por último, os axentes do corpo de seguridade amiense identificaron, na madrugada do venres para o sábado, tres persoas na rúa de Entrerríos, en Bertamiráns, por estar movendo varias sinais e a varias barreiras de obras.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Detenido en Ames por quebrantar la orden de alejamiento de su mujer"