Solapas principales

Comeza en Aldea Nova o curso de formación que capacitará a 25 mozos de Ames como monitores de tempo libre

Martes, 20 de marzo de 2012

[20-03-2012] O Centro de Usos Múltiples de Aldea Nova acolle desde o pasado venres día 16 e ata o próximo 19 de maio o desenvolvemento da parte teórica do curso de formación que capacitará a 25 mozos de Ames como monitores de tempo libre. O curso, de 350 horas lectivas, está organizado polo Concello de Ames en colaboración coa Escola de Tempo Libre e Animación Sociocultural Don Bosco. Esta parte teórica terá unha duración de 200 horas lectivas. Para completar a súa formación, os alumnos deberán superar a continuación un período de prácticas de 150 horas nun prazo máximo de dous anos.

A Concellaría de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude impulsa esta iniciativa a través da Oficina de Información Xuvenil (OMIX) co obxectivo de contribuír á inserción laboral da alta porcentaxe de poboación nova do concello de Ames. Neste sentido, considérase prioritario emprender novas iniciativas no eido da educación non formal que cubran as necesidades de formación e as expectativas da mocidade. Así, a Concellaría de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude entende que o curso teórico-práctico de monitor de tempo libre permitirá acceder a unha formación útil e versátil, capacitando aos mozos e mozas para que poidan deseñar, programar e pór en práctica ou avaliar actividades para o tempo libre ou socioculturais, orientadas á infancia, á xuventude, aos maiores ou ás persoas con necesidades especiais. A resposta obtida foi plenamente satisfactoria, xa que as 25 prazas ofertadas completáronse 5 día antes de que rematase o prazo de inscrición.

A parte teórica do curso desenvolverase na aula, en liña e noutros espazos adaptados ao proceso de aprendizaxe. Abordaranse, por exemplo, técnicas de acampada e actividades deportivas. As datas de celebración son as seguintes: 16, 17, 23, 24, 30 e 31 de marzo; os días 2, 3, 4, 13, 14, 20, 21, 27, 28 do mes de abril; e o 4, 5, 11, 12, 17, 18 e 19 de maio. A continuación, o alumno deberá realizar un período de prácticas de 150 horas lectivas baixo a tutela dun director ou responsable. Para completar esta segunda fase de formación, o alumno deberá deseñar previamente unha programación na que se contemplen os elementos básicos de toda intervención educativa e, ao remate, entregar unha memoria de elaboración propia e individual. As prácticas poderán realizarse de xeito intensivo, concentrándoas en 14 días de actividade (en bloques non inferiores a 3 días) ou cursando as 150 horas nunha entidade que traballe no eido da educación no tempo libre.

Os contidos do curso abarcan as seguintes áreas: bases psicosociolóxicas da educación no tempo libre, bases pedagóxicas de educación no tempo libre, técnicas e recursos de animación e lexislación vixente. Unha vez rematado o curso o alumnado acadará a titulación oficial de monitor de tempo libre, documento que será expedido pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado (co pagamento de 11 euros en concepto de taxas).