Solapas principales

O Concello de Ames abre un prazo de dez días para que poidan presentar alegacións os veciños que están recibindo propostas de liquidación da taxa de recollida de lixo, un expediente iniciado polo anterior Goberno

Jueves, 03 de mayo de 2012

[03-05-2012] O Concello de Ames abre un trámite de audiencia de dez días para que poidan presentar as súas alegacións os veciños, especialmente das zonas rurais do municipio, que están recibindo a título informativo propostas provisionais de liquidación para a correcta regularización da súa situación ao respecto da taxa de recollida de lixo. O Concello está na obriga legal de darlle continuidade a este expediente, iniciado polo anterior Goberno municipal.

As notificacións que están recibindo os veciños son consecuencia de terse detectado por parte dos servizos municipais numerosos inmobles que, a pesar de dispoñer do servizo de recollida de lixo, non figuraban no padrón, o que impide a emisión dos recibos trimestrais para o seu pago. Unha vez advertida esta situación polos servizos municipais, tanto a inclusión no padrón, como o cobro dos anos anteriores, resulta unha esixencia legal, obrigatoria para o Concello, á que este non pode renunciar sen incorrer en responsabilidade.

Motivos de alegación

Os principais motivos de alegación que se poden presentar durante este período son que o inmoble xa estivera incluído no censo, que se atope en estado ruinoso ou que se trate dun inmoble de nova construción, que non deba pagar por tanto por algún dos exercicios requiridos. Asemade, poderase alegar que o actual propietario adquiriu o inmoble máis alá do 2009, ou o vendera antes do 2012, e non deba pagar por tanto por algún dos exercicios requiridos, que corresponderían ao propietario anterior, ou ao novo, segundo o caso.

Unha vez rematado ese trámite de audiencia de dez días, e á vista das alegacións recibidas, o Concello de Ames ditará ás liquidacións definitivas. Estas liquidacións serán novamente notificadas aos usuarios afectados, e son as que deberán ser abonadas. Estas notificacións non serán remitidas antes do mes de xullo.

Os veciños que reúnan as condicións previstas na Ordenanza Fiscal Xeral do Concello de Ames, poderán ademais solicitar o fraccionamento ou aprazamento do pago, nos termos alí establecidos. Tanto esta ordenanza, como a que regula a taxa, están a disposición dos veciños nas oficinas municipais, así como na páxina web do Concello.

Para calquera dúbida ou aclaración, os veciños poderán dirixirse ás oficinas da empresa concesionaria Espina&Delfín, situadas en O Milladoiro e Bertamiráns.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames reclama a vecinos del rural hasta 300 euros por la basura"