Solapas principales

A Xunta de Goberno de Ames dá luz verde á aprobación inicial do plan parcial S-15

Viernes, 17 de agosto de 2012

[17-08-2012] O Goberno amiense deu luz verde esta mañá a importantes cuestións urbanísticas que beneficiarán ao núcleo do Milladoiro. A Xunta de Goberno Local vén de aprobar de xeito inicial o plan parcial do sector S-15 e procedeu á aprobación provisional da modificación puntual dos plans parciais do S-14 “Travesía do Porto norte” e S-16 “Galdrachán”.

O desbloqueo destes temas urbanísticos prioritarios amosa a preocupación do Goberno amiense polo núcleo do Milladoiro, xa que en pouco máis dun ano tramitáronse as modificacións nos sectores S-14, S-16 e o plan parcial S-15 e estanse dando os pasos necesarios para poñer a disposición da Xunta de Galicia unha parcela coa que poder dotar ao Milladoiro dun novo centro educativo.

O plan parcial S-15 é unha cuestión enquistada desde 2009, ano no que o plan aprobado en 2007 polo Concello foi anulado por unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. En 2011, aprobouse un novo plan parcial que tamén foi anulado pola Xunta de Galicia.

O plan parcial do S-15, que conta cunha superficie total de 52.004 metros cadrados, permitirá dispoñer dunha parcela para a futura ubicación dun novo centro de saúde no Milladoiro. A modificación do Plan Xeral no S-15 permitirá contar nun prazo moi breve cunha parcela de 8.000 metros cadrados para usos dotacionais. Trátase dunha modificación demandada desde hai moito tempo, que, de terse desbloqueado no seu momento, xa se contaría coa parcela para o centro de saúde.

Modificacións puntuais no S-14 e S-16
A Xunta de Goberno Local, na que se aprobaron e desbloquearon importantes temas urbanísticos, tamén procedeu á aprobación provisional da modificación puntual dos plans parciais do S-14 “Travesía do Porto norte” e S-16 “Galdrachán”.

O obxectivo desta modificación puntual é redistribuír as zonas de uso público e os espazos verdes públicos destes dous sectores para poder xuntalos. Deste xeito, conséguese unha parcela para construír un novo equipamento público de grandes dimensións e reorganizar os espazos verdes públicos. Con esta modificación conséguese darlle maior magnitude e dimensión tanto as zonas verdes como as parcelas destinadas a equipamentos de uso público.

O ámbito de modificación abrangue arredor de 36.000 metros cadrados destes dous sectores do Milladoiro. Un total de 22.000 metros cadrados corresponden ao plan parcial do sector S-14 “Travesía do Porto norte” e algo máis de 14.000 metros cadrados corresponden ao plan parcial do sector S-16 “Galdrachán”. Esta xestión urbanística permite a unión dos espazos dedicados a uso público de ambos os dous sectores.

Como consecuencia desta xestión urbanística xorde unha área de equipamento provinte da fusión de áreas de dous sectores de solo (S-14 e S-16). A parcela resultante suma unha extensión de 8.201 metros cadrados. Esta parcela podería acoller un só equipamento de grandes dimensións ou un conxunto de equipamentos cunhas dimensións máis reducidas.

Ademais, estes pasos supoñen que, por primeira vez, se levan a cabo dúas modificacións puntuais no Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ames dende a súa vixencia. Á modificación dos plans S-14 e S-16, únese a que se está tramitando para a disposición de terreos nos que implantar unha dotación escolar no Milladoiro.

O desbloqueo destes importantes temas urbanísticos amosa a preocupación do Goberno amiense polo núcleo do Milladoiro, xa que en pouco máis dun ano desbloqueáronse as modificacións no S-14, S-16 e o plan parcial S-15 e estanse levando a cabo os trámites necesarios para poñer a disposición da Xunta de Galicia unha parcela de 20.690 metros cadrados coa que poder dotar ao Milladoiro dun novo CEIP que permitiría desconxestionar os centros educativos da zona.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames modifica su Plan Xeral para dotar a O Milladoiro con servicios"
La Voz de Galicia: "Ames aprueba la reorganización urbanística de Travesía do Porto"