Solapas principales

Comeza unha nova edición do seminario de viticultura con 24 alumnos/as

Martes, 30 de octubre de 2012

[30-10-2012] A Oficina de Voluntariado do Concello de Ames (OVA) organiza por décimo ano consecutivo un curso de viticultura, que comezou este luns 29 de outubro, na aula de usos múltiples da Casa da Cultura do Milladoiro. O curso conta este ano con 24 participantes que poderán aprender as técnicas do cultivo e explotación das vides. O encargado de impartir o seminario será, coma nas anteriores edicións, Manuel Oitavén Garrido, que conta coa axuda de Emilio de Vicente Nogueira e Teodoro García Rivero, dous dos alumnos máis avantaxados de cursos anteriores.

O temario do seminario que organiza a Oficina de Voluntariado de Ames abrangue todos os aspectos referidos ao cultivo e á saúde do viñedo. As castes propias de Galicia, os marcos de plantación máis axeitados para alcanzar unha boa produción e maduración, as distintas maneiras de guiar os bacelos ou as técnicas de poda que se deben aplicar, son só algúns dos temas que se abordarán ao longo do seminario, que se desenvolverá ata o vindeiro mes de xuño. Este seminario impartirase todos os luns entre as 19:00 h. e as 21:00 h. na aula de usos múltiples da Casa da Cultura do Milladoiro.

O contido do curso vaise adaptando dependendo das inquietudes do alumnado. Hai un fío condutor pero poderanse abordar todos aqueles temas que propoñan os alumnos/as en cada xornada. Este ano todos/as os/as participantes contarán con clases un pouco máis dinámicas xa que se programarán catas de viño para o último luns de cada mes para promover actividades máis prácticas. Ademais, contarse con apoio audiovisual para facer máis ameno o curso. Os profesores proxectarán varios vídeos para ilustrar as súas explicacións.

O seminario de viticultura ten unha boa aceptación entre os amienses, debido a que aborda cuestións de interese para moitas persoas que traballan ou viven no rural do concello ou que teñen unha leira na que coidar e cultivar árbores e plantas. Así, proporciónalle ao alumnado métodos para combater as pragas, consellos sobre a realización da poda e sobre os coidados específicos que precisan as plantas de vide. Ó final do curso o alumnado visitará unha adega para ver de primeira man os métodos que se empregan na elaboración do viño e comprobar todo o aprendido durante o curso.

A pesar de que o prazo de inscrición xa está pechado, se hai algún interesado en apuntarse neste seminario, aínda está a tempo. O curso é completamente de balde e para participar só hai que chamar á Oficina de Voluntariado de Ames marcando o número de teléfono 662 377 044 ou enviar un correo electrónico a voluntariado@concellodeames.org.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Comeza unha nova edición do seminario de viticultura con 24 alumnos"
El Correo Gallego: "Un seminario desvelará todos los secretos del cultivo de la vid en Ames"