Solapas principales

Ábrese ata o 30 de novembro o prazo para solicitar axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar

Miércoles, 31 de octubre de 2012

[31-10-2012] O Concello mantén aberto o prazo de solicitude de catro convocatorias de axudas municipais. Hoxe saíron publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases da convocatoria de axudas para a promoción de actividades realizadas por clubs e asociacións deportivas amienses (que se poden solicitar ata o 30 de novembro) e da convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado de segundo ciclo de educación infantil, que se poderán solicitar ata o 30 de novembro. Ademais, ata o 15 de novembro segue aberto o prazo para solicitar as axudas para actividades desenvolvidas polas asociacións culturais e para a promoción de festexos populares. As solicitudes deberán presentarse no rexistro xeral do Concello. Este martes pasado, 30 de outubro, a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, e o concelleiro de Deportes, Manuel Ferreiro, mantiveron unha xuntanza con diversas asociacións municipais para informarlles sobre estas convocatorias de axudas.

O Concello de Ames, sempre comprometido coas asociacións culturais, deportivas, veciñais e cos propios veciños e veciñas que teñen fillos/as que cursan estudios de segundo ciclo de educación infantil, informa de que segue aberto o prazo para presentar as solicitudes correspondentes a catro convocatorias de axudas municipais. Este mércores, 31 de outubro, saíron publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases da convocatoria de axudas para a promoción de actividades realizadas por clubs e asociacións deportivas amienses e da convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar.

Todos os clubs e asociacións deportivas amienses que cumpran os requisitos marcados nas bases desta convocatoria de subvencións poden optar as axudas municipais co fin de sufragar as actividades deportivas realizadas durante o exercicio 2012. O prazo para presentar as solicitudes rematará o 30 de novembro de 2012. A contía máxima destinada a esta convocatoria ascende a 50.000 euros. Os obxectivos destas axudas son achegar a práctica deportiva ao maior número posible de individuos e promover a participación activa dos veciños e veciñas no deporte, como medio de formación dos máis novos e propiciar a convivencia.

Poderán ser subvencionadas, ata un máximo do 70% do presuposto total, as actividades, de índole deportiva desenroladas polos clubs e asociacións deportivas, así como a adquisición de material inventariable. O importe individual das achegas concedidas non poderá superar os 8.000 euros. A estas axudas poderán optar as asociacións e clubs existentes no Concello de Ames, legalmente constituídas e que figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións. Ademais, os datos de inscrición no rexistro deben estar debidamente actualizados no momento de solicitar a achega.

Axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar
A convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar está destinada ao alumnado de segundo ciclo de educación infantil para o curso 2012-2013. A contía máxima destinada a esta convocatoria ascende a 18.500 euros. As axudas están destinadas a financiar os gastos efectuados desde o 1 de xullo ao 31 de decembro de 2012 en libros de texto e material escolar polo alumnado integrado en unidades familiares empadroadas no Concello de Ames, sempre que os alumnos/as estean matriculados durante o curso 2012-2013 nalgún curso de educación infantil (2º ciclo), nun centro sostido con fondos públicos. O obxectivo é intentar sufragar parte do gasto que cada ano teñen que realizar todos os pais e nais de Ames para comprar material escolar para os seus fillos/as.

As axudas teñen uns límites económicos por alumno que se establecen nas bases da convocatoria. Deste xeito, as unidades familiares cunha renda per cápita de menos do 50% do IPREM recibirán un importe máximo de axuda de 120 euros; as que conten cunha renda per cápita do 50% ata o 75% do IPREM, recibirán 100 euros, e para as unidades familiares con renda per cápita do 75% ao 100% do IPREM a axuda será de 80 euros. As solicitudes deberán presentarse no rexistro xeral do Concello ata o 30 de novembro.

Axudas para asociacións culturais e para a promoción de festexos populares
Ademais, ata o 15 de novembro segue aberto o prazo de solicitude das axudas correspondentes ás convocatorias de subvencións para a promoción de actividades levadas a cabo por asociacións culturais durante o exercicio 2012. Nesta convocatoria de axudas poden participar todas as asociacións culturais do concello de Ames, legalmente constituídas e que figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións. A contía destinada a esta convocatoria ascende a 40.000 euros e o importe individual das achegas concedidas non poderá superar os 7.500 euros.

Tamén está aberto o prazo de solicitude das subvencións para a promoción de festexos populares celebrados no exercicio 2012. A Administración local dispón dun total de 29.600 euros para este fin co obxectivo de prestar apoio económico ás asociacións culturais existentes no Concello de Ames, legalmente constituídas, e que figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións, sempre e cando os datos da inscrición estean debidamente actualizados ao momento de solicitar a achega. O prazo para presentar as solicitudes rematará o 15 de novembro de 2012.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ábrese ata o 30 de novembro o prazo para solicitar axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar"