Solapas principales

Ames recibe o Nadal co acendido da iluminación, música e premios

Viernes, 14 de diciembre de 2012

[14-12-2012] Ames recibiu hoxe o Nadal co acendido da iluminación e cun acto no que houbo música, chocolate e premios. Neste 2012, ademais do tradicional acendido que enche de luz as rúas, prazas e parroquias, celebráronse varias iniciativas que compuxeron un completo acto co que os veciños e veciñas amienses puideron dar benvida a estas festas. A festa foi un éxito, xa que decenas de veciños e veciñas achegáronse á Praza do Concello para gozar da chegada do Nadal. Ao acto asistiu o alcalde de Ames, Santiago Amor; a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín; o concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar; a concelleira de Atención e Mediación Veciñal, Carmen Verde, o edil de Deportes, Manuel Ferreiro, a edil de Mocidade, María González, e o concelleiro socialista Francisco Doval. Ademais, colaboraron na entrega de premios o presidente da Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, Juan Carlos Zahera, e o presidente da Asociación Palmira Boulevard, José Manuel Fernández.

Ademais, entregóuselle un galardón ao establecemento que recibiu máis votos entre as persoas participantes no Roteiro dos Petiscos. Trátase do Mesón In Vino Veritas que recibeu un diploma acreditativo e un premio en metálico de 200 euros. Debido ao disputado e axustado resultado que se produciu no reconto das papeletas, así como o escaso número de votos que separan aos tres locais hostaleiros que recibiron maior recoñecemento por parte da clientela, o Concello de Ames e a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns decidiron gratificar cun diploma acreditativo aos locais hostaleiros A Charca e Parada 8. Estes dous locais hostaleiros tamén recibiron o seu diploma durante o acto de acendido da iluminación de Nadal. Ao final do acto serviuse chocolate con churros.

O concelleiro de Comercio e Promoción económica, Bernardo Moar, explicou que “o Concello de Ames aposta un ano máis por manter a iluminación de Nadal xa que dende o goberno municipal crese que é un factor que axuda ao pequeno comercio de Bertamiráns e do Milladoiro a incrementar o número de ventas durante as festas de Nadal. Ademais é un elemento ornamental que anima á veciñanza amiense a saír das súas casas e mercar no comercio local”.

Entre os premiados estaba o capitán do CAB Obradoiro, Oriol Junyent, que foi agasallado cun xamón da Carnicería Corzán. Empresas e comercios do concello amiense colaboraron aportando diferentes agasallos. Os premios que se sortearon e se entregaron hoxe foron un televisor de 42 pulgadas (Milar Reyca); dúas entradas para un circuíto termal no Hotel Balneario de Compostela; unha estancia nunha Casa de turismo rural na Casa do Fidalgo; un xamón reserva (carnicería Corzán); un lacón asado (Coren Grill); un vale de 40 euros no Asador Bidueiro; un menú de fin de semana para dúas persoas no Tropic Burguer; un vale dun euro diario durante un mes na panadería Xallas; un vale de 40 euros en Blanco & Negro; unha sesión de estudio e seis fotos en J. Troitiño; unha sesión de fisioterapia na Clínica Domingo Antón; un vale de 30 euros na carnicería Suso; unha sesión de tratamento, corte e secado en Susana Bello Peluquería; unha almofada de viaxe (Sant-Yago Promociones); tres cursos de persoal shopper online en somosasesoresdeimagen.com; e un mes de clases de inglés na Charles Dickens Academy.

O acto comezou ás 18:00 horas na Casa do Concello. Ao inicio, o alcalde dedicou unhas palabras aos asistentes, que encheron a entrada do Consistorio. O rexedor agradeceu a súa presenza e felicitoulles o Nadal a todos os amienses. A encargada de pulsar o botón mediante o que se acenderon as luces foi Sara Casuso Mosquera, unha das nenas gañadoras do concurso de cartas aos Reis Magos do pasado Nadal. Despois, actou o coro infantil da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA), que cantou dúas panxoliñas tituladas Viva, viva! e No Nadal. Estes rapaces e rapazas, que asisten ás materias de coro e linguaxe musical, actuaron xunto á profesora de linguaxe musical e coro que os acompañou tocando o teclado.

A iluminación ornamental para as festas de Nadal do Concello de Ames está composta por 75 elementos decorativos repartidos por todo o territorio municipal. Estes elementos colocáronse nas principais rúas comerciais de Bertamiráns e do Milladoiro e en diferentes espazos da zona rural. Cómpre salientar que o Concello de Ames sufraga integramente o custo total deste servizo ornamental, ao que se destinan 21.000 euros.

Entrega de premios da Festa do Comercio e Roteiro dos Petiscos
Despois da actuación dos nenos e nenas da Escola Municipal de Música de Ames fixose entrega dos premios que sortearon con motivo da celebración da Festa do Comercio e do Roteiro dos Petiscos. Cómpre lembrar que neste sorteo, que se celebrou o pasado 3 de decembro na Casa da Cultura de Bertamiráns, participaron máis de 2.500 persoas que realizaron algunha compra nos comercios adheridos á Festa do Comercio e que completaron o libriño do Roteiro dos Petiscos.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames recibe o Nadal co acendido da iluminación, música e premios"
El Correo Gallego: "Luces de Navidad para iluminar la crisis entre belenes y celebraciones"
La Voz de Galicia: "Ames abre con luz y una chocolatada su campaña de Nadal"