Solapas principales

Ames saca a literatura á rúa para celebrar o Día do Libro

Sábado, 20 de abril de 2013

[20-04-2013] A praza do Concello, en Bertamiráns, acolleu este sábado a conmemoración do Día do Libro. A celebración estivo composta por moitos ingredientes: lectura, música e actividades para os máis pequenos. Ademais, houbo tempo para presentar os traballos premiados no IX Certame Literario Concello de Ames. A iniciativa ‘Literatura na Praza’ contou este ano con moitas novidades, como obradoiros, contacontos para adultos e nenos, ou a campaña de dinamización lingüística, Gústame o Galego. Ademais, realizouse unha solta de libros pola praza do Concello e arredores, houbo un posto para intercambiar libros e Pepe Carreiro impartiu un obradoiro de ilustración dos Bolechas. As librarías Lenda, Boas e Novas e Nenos e Nais encheron a praza cos seus libros e ofreceron un desconto do 10% sobre o prezo habitual. Ata a praza achegouse a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, e o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, así como outros membros da Corporación municipal.

Deste xeito, a conmemoración do Día do Libro en Ames encheu a rúa, celebrándose ao aire libre. As actividades comezaron ás 17:00 horas con música tradicional a cargo do grupo municipal A Requinta da Mahía, que pertence á Asociación cultural Follas Novas. A esa mesma hora deron comezo as sesións de contacontos para nenos/as das que se encargaron as animadoras á lectura da biblioteca municipal. A continuación, ás 18:00 horas, foi a quenda de Santi Prego, o coñecido actor, popularizado, entre outros traballos, polas series da Televisión de Galicia Rías Baixas ou Libro de Familia, que ofreceu unha sesión de contacontos para adultos.

Obradoiro de ilustración con Pepe Carreiro

Outra das actividades que máis interese espertou foi o obradoiro dos Bolechas que impartiu Pepe Carreiro, autor e ilustrador de todas as obras destas personaxes. Seguidamente, comezou a presentación dos traballos premiados no IX Certame Literario Concello de Ames. Os autores e autoras dos traballos premiados realizaron lecturas públicas destes textos.

Ao mesmo tempo, os nenos e nenas puideron gozar doutra sesión de contacontos a cargo das animadora á lectura das bibliotecas municipais. A partir das 20:00 horas volveu a música tradicional ás rúas de Bertamirás, nesta ocasión a cargo do grupo municipal dos Castros.

Actividades permanentes
Ao longo de toda a tarde desenvolvéronse outras iniciativas coma foi a solta de libros que realizou o Concello polos arredores da praza. Tamén houbo un posto para intercambiar libros. Outra das actividades foi o Recanto da lectura, un posto no que houbo fondos da biblioteca municipal centrados en varias temáticas e autores. Deste xeito, a veciñanza puido gozar da literatura de autores que este ano reciben algún recoñecemento especial. Entre outros, estiveron as obras de Rosalía de Castro, xa que en 2013 se celebra o 150 aniversario da publicación de Cantares Galegos; de Roberto Vidal Bolaño, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, ou de Hans Christian Andersen.

Photocall de Gústame o galego
Gústame o Galego foi outra das novidades desta edición. Trátase dunha campaña xeral de fomento da lingua coa que se visibiliza o apoio individual de persoas ao proceso de normalización lingüística a través de fotos con frases suxestivas sobre o uso da lingua en diversos ámbitos e situacións.

Nesta actividade instalouse un photocall para que as persoas ás que lles gusta o galego puidesen elixir un lema e sacar unha foto de Gústame... para trasladarlle ao mundo que lles gusta o galego a través das redes sociais. Cada participante foi agasallado cunha chapa de Gústame o Galego.

Tamén houbo un obradoiro de deseño e elaboración de cadernos con materiais de reciclaxe, que impartiron as técnicas de Medio Ambiente e Xuventude e no que todas as persoas participantes puideron elaborar o seu propio e orixinal caderno.