Solapas principales

As comisións previas ao pleno de xullo abordarán a proposta para a nova composición deste órgano, unha vez recibido o informe solicitado á Deputación da Coruña

Viernes, 19 de julio de 2013

[19-07-2013] O Concello de Ames celebrará o vindeiro martes as comisións previas ao pleno de xullo. Entre outros temas, nestas comisións abordarase a proposta para a nova composición das comisións informativas, unha vez recibido o informe solicitado á Deputación da Coruña. Tamén se tratará a adhesión do Concello de Ames ao convenio para a creación dun fondo social de vivendas, asinado entre o Goberno central, a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), o Banco de España e varias plataformas, asociacións e confederacións relacionadas coa banca. Ademais, debaterase a aprobación dun novo regulamento do Servizo de Axuda no Fogar e a ordenanza fiscal relacionada co mesmo, así como o regulamento de uso e servizo de bens informáticos e de comunicacións do Concello.

Deste xeito, volverase abordar a composición das comisións informativas, despois de que no mes de abril a Secretaría Xeral do Concello presentase unha proposta que quedou enriba da mesa á espera do informe solicitado ao organismo provincial. Este documento foi recibido o pasado 25 de xuño e no mesmo conclúese que para o suposto plantexado de 10 concelleiros non adscritos de 21 posibles, o organismo provincial inclínase pola mesma solución que expón a Secretaría Xeral, entendendo que os concelleiros non adscritos teñen dereito a participar e votar nalgunhas das comisións, en proporción á súa representación no Pleno, debendo poñerse de acordo para realizar a concreta asignación a cada comisión.

Tendo en conta estes antecedentes, tratarase a proposta de modificar a composición das seis comisións informativas permanentes, coa seguinte representación: 2 representantes do grupo municipal popular, 2 do grupo municipal socialista e 3 dos concelleiros non adscritos.

Ademais, as comisións tamén abordarán a adhesión do Concello de Ames ao convenio para a creación dun fondo social de vivendas, asinado entre o Goberno central, a FEMP, o Banco de España e varias plataformas, asociacións e confederacións relacionadas coa banca e un total de 31 bancos e caixas de aforro. O obxectivo deste convenio é aportar novos instrumentos que melloren a situación das familias que se atopen nunha situación de maior dificultade social, fundamentalmente no que ó acceso da vivenda se refire. A adhesión do Concello a este convenio permitirá realizar funcións de colaboración coas entidades de crédito previstas no convenio, facilitando a resposta ante situacións de desafiuzamentos de persoas en situación de vulnerabilidade social.

Tamén no eido dos servizos sociais, ás comisións tratarán a proposta para a aprobación dun novo regulamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e da ordenanza relacionada co mesmo. O obxectivo é adaptalo á recente lexislación autonómica e introducir modificacións no regulamento, que permitan contar cunha norma máis reducida, que conteña o imprescindible e, consecuentemente, sexa máis manexable. Entre as modificacións que se propoñen inclúese o cambio na regulación da achega por parte das persoas usuarias do SAF municipal, establecendo unhas regras diferentes para SAF-dependencia e SAF-prestación básica, e a modificación na forma para adaptarse ao modelo facilitado pola Xunta de Galicia.

Por último, as comisións informativas abordarán a aprobación dun regulamento de uso e servizo de bens informáticos e de comunicacións do Concello. Este regulamento facilitará o máximo aproveitamento e uso axeitado dos medios informáticos e de comunicacións nas diferentes actuacións do Concello de Ames, asegurará a protección dos dereitos dos cidadáns nas súas relacións coa Administración, mellorará os servizos que o Concello presta aos cidadáns e previrá aos sistemas de información ou medios de almacenamento de riscos e danos.