Solapas principales

Os concellos de Ames e Brión intensifican a súa colaboración na loita contra o desemprego ao solicitar de maneira conxunta as axudas da Xunta para obradoiros de emprego e programas integrados

Jueves, 13 de febrero de 2014

[13-02-2014] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o rexedor de Brión, Xosé Luís García, acordaron solicitar de forma conxunta as subvencións convocadas pola Consellería de Traballo para a posta en marcha neste ano de obradoiros de emprego e programas integrados. Esta colaboración supón un paso máis na unión de esforzos entre os dous municipios para sacar adiante iniciativas a proxectos comúns, especialmente aquelas relacionadas coa loita contra o desemprego, unha das principais demandas e preocupacións dos veciños e veciñas. Os dous rexedores mantiveron unha reunión esta mañá para avaliar os proxectos comúns actuais e futuros, unha canle que xa iniciaran no pasado mes de maio coa posta en marcha dunha comisión na que abordar estas iniciativas comúns.

Non é a primeira vez que os dous municipios colaboran na prestación de servizos como o Grupo de Emerxencia Supramunicipal (GES) ou na realización de iniciativas como o obradoiro de emprego Encontro Verde, impartido o pasado ano, ou a actual edición do programa integrado para o emprego InserAmes Brión, que aínda se está desenvolvendo.

Deste xeito, Ames e Brión presentaron ante a Consellería de Traballo un proxecto conxunto para a realización dunha nova edición do programa integrado para o emprego InserAmes Brión, destinado a 80 persoas desempregadas, e unha memoria para a posta en marcha do obradoiro de emprego Entre Ríos, que estaría orientado á formación de 26 desempregados e que permitiría recuperar espazos naturais nos dous municipios. Estes dous proxectos supoñen un investimento total de 466.378 euros.

Tras a reunión, o alcalde de Ames, subliñou que a presentación destas dúas solicitudes de subvención “supón un paso máis na colaboración entre os concellos de Ames e Brión, nunha aposta por seguir colaborando e traballando conxuntamente, especialmente no eido da formación para o emprego pensando no beneficio dos nosos veciños e veciñas”.

Santiago Amor valorou moi positivamente todas as iniciativas postas en marcha conxuntamente ata o de agora con Brión e subliñou que “esta colaboración entre municipios veciños xa está dando os seus froitos, como por exemplo na actual edición do programa InserAmes Brión, no que máis do 12% dos alumnos xa acadaron a inserción laboral meses antes de que remate a formación”. O rexedor amiense destacou a boa sintonía entre os dous concellos e fixo fincapé en que a colaboración intermunicipal “permite traballar e buscar solucións a algunhas das principais demandas e preocupacións dos nosos cidadáns”.

Santiago Amor destacou que estas dúas iniciativas permitirían “mellorar a empregabilidade de persoas desempregadas dos dous concellos, acondicionando ao mesmo tempo zonas de gran valor ambiental como a senda do Sar, a ribeira do río, a ruta de Piñeiro e do entorno de Riamonte, a área recreativa da Folgueira ou a creación de faixas contra incendios en Mercuto ou Cruxeiras”.

Pola súa banda, o alcalde de Brión sinalou que “este obradoiro Entrerríos pon de manifesto o que dous concellos poden chegar a facer grazas á colaboración mutua. Un obradoiro que nos permitiría mellorar a empregabilidade dos nosos veciños ao tempo que poñemos en valor un espazo natural de gran riqueza e que compartimos Brión e Ames como é o Val da Amaia", apuntou Xosé Luís García, quen sinalou "o positivo que sería para Brión os traballos que se poidan realizar na recuperación de espazos naturais como a contorna do Castro Lupario e dos ríos Sar e Tambre, así como na ruta dos muíños ou nos camiños de Viceso e da Luaña".

O alcalde brionés considera que "iniciativas como este obradoiro de emprego ou o programa InserAmes Brión son dúas ferramentas moi interesantes para conseguir a inserción laboral dos seus alumnos e alumnas, polo que penso que en tempos de crise económica é moi importante este tipo de colaboración entre a Xunta e os Concellos para poder mellorar a empregabilidade daqueles veciños e veciñas que teñen maís dificultades á hora de atopar un traballo".

Obradoiro 'Entre ríos'
Os dous rexedores asinaron un convenio para a xestión compartida do obradoiro de emprego denominado 'Entre ríos', que conta cun orzamento total de 285.621 euros, do que os dous municipios achegarían 49.183 euros. A especialidade formativa a impartir sería a de 'Actividades auxiliares de conservación e mellora do monte' e o obradoiro estaría dirixido a un total de 26 alumnos-traballadores co obxectivo de procurar a inserción laboral de polo menos o 10% das persoas participantes no proxecto. Os alumnos/as recibirían ao remate desta iniciativa un certificado de profesionalidade de nivel 1.

A finalidade deste obradoiro, dirixido a desempregados/as menores de 30 anos, é cualificar profesionalmente aos participantes e favorecer a súa inserción laboral. A práctica laboral realizaríase nos dous municipios, levando a cabo obras e actuacións que pretenden a mellora nas condicións naturais da vexetación de ribeira, favorecendo os procesos de rexeneración natural e preservando dunha maneira sostible os escosistemas da ribeira do río Sar. No conxunto de actuacións previstas tamén se acometería a adecuación dun punto de auga para a extinción de incendios forestais, así como o acondicionamento de pistas forestais e sendas que valorizarían o atractivo turístico relacionado co medio, ademais de realizar un control da flora invasora.

Nova edición de InserAmes Brión
Á convocatoria de subvencións para os programas integrados para o emprego, os dous municipios presentaron o proxecto para levar a cabo unha nova edición do InserAmes Brión. Este programa estaría destinado a 80 persoas desempregadas e o investimento total ascendería a 180.757 euros, dos que Ames e Brión aportarían 36.151 euros. A finalidade deste programa é mellorar as posibilidades de acceso ao emprego dos desempregados/as dos dous municipios. A prioridade das accións previstas céntrase, ao igual que na edición anterior, no apoio ao emprendemento e en aproveitar os recursos e xerar sinerxias entre a formación para o emprego a través da impartición de módulos formativos pertencentes a unidades de competencia que comprenden os certificados de profesionalidade que posúen unha alta empregabilidade.

Segundo o proxecto remitido á Consellería de Traballo, este programa impartiríase no Centro de Formación e Emprego de Ames e na Aula Cemit de Brión. As áreas formativas propostas son: actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería; limpeza de superficies e mobiliario en edificios locais; montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión ou atención a persoas dependentes.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames y Brión se unen de nuevo para optar a programas de empleo y medio ambiente"
El Correo Gallego: "Ames e Brión intensifican a súa colaboración na loita contra o desemprego"