[08-04-2014] O Concello de Ames, a través das concellarías de Benestar Social e Promoción Económica e Traballo, puxo en marcha a comezos do mes de marzo, o proxecto HERA, un programa que busca a mellora da empregabilidade das mulleres amienses con especiais dificultades de inserción. Neste proxecto participan 20 mulleres de Ames cun perfil moi determinado, que realizarán un itinerario de competencias claves e posteriormente terán que desenvolver dous dos tres itinerarios ofertados que tratan sobre limpeza, hostalería e comercio. Por último, as usuarias terán que realizar 10 días de prácticas en empresas relacionadas cos sectores dos itinerarios que realizaron. Este martes, 8 de abril, a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, achegouse ata o Centro de Formación de Aldea Nova para interesarse pola evolución das 20 mulleres que participan neste proxecto.
No contexto económico e de emprego que está vivindo a sociedade actual, e que afecta de maneira especial á muller, dende o Centro de Información á Muller do Concello de Ames dáse un paso máis desenvolvendo un programa de inserción laboral e social, en igualdade de oportunidades, a través de programas formativos de mellora da empregabilidade das mulleres. Trátase dun proxecto innovador dentro dos Servizos Sociais do Concello de Ames a través do cal se pretenden incrementar os niveis de empregabilidade e facilitar a inserción laboral das mulleres con especiais dificultades de inserción social.
Neste proxecto están participando 20 mulleres que están asistindo a cursos de formación sobre aquelas profesións máis demandadas polo mercado de traballo, nos que non existe formación regulada. Primeiro as 20 alumnas participaron nunhas xornadas de orientación laboral que se desenvolveron durante a primeira semana do curso. A continuación comezaron cun itinerario de competencias claves. As alumnas xa recibiron formación en materias como lingua galega e lingua castelá. Na actualidade, están recibindo formación sobre matemáticas. Deste xeito, rematarán o itinerario de competencias claves.
Durante a Semana Santa farase un breve descanso para que as alumnas poidan conciliar a súa vida familiar co desenvolvemento do curso. O día 21 volverán ás clases para participar nun curso de manipulador de alimentos. De seguido comezarán co itinerario de hostalería e comercio. Tamén terán que participar nun curso de ofimática. Por último, as usuarias terán que realizar 10 días de prácticas en empresas da contorna que están relacionadas cos sectores dos itinerarios que realizaron. Este proxecto desenvolverase ata o mes de xuño no Centro de Formación e Emprego do Concello de Ames, situado en Aldea Nova. Este proxecto financiaranse conxuntamente entre o Concello de Ames e a Deputación da Coruña.
Este martes pola maña a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, achegouse ata o Centro de Formación de Aldea Nova para interesarse pola evolución das 20 mulleres que están participando neste curso formativo. A concelleira de Benestar Social explicoulles que “dende o Concello de Ames deseñouse un curso o máis completo posible para que non só sexa útil para que as alumnas atopen traballo na actualidade senón que tamén lles serva para dispor de novas posibilidades de emprego de cara ao futuro”.
María Eugenia Martín tamén lle resolveu varias dúbidas que tiñan as usuarias sobre o desenvolvemento do curso. A concelleira incidiu en que “atendendo á situación de desequilibrio existente na que se atopa a muller dentro do mercado de traballo, consideramos primordial traballar na diminución da taxa de desemprego e aumentando a taxa de empregabilidade das mulleres con especiais dificultades de inserción social”.
Potenciación da empregabilidade
Por outra banda, impartirase unha fase de promoción do autoemprego na que se facilitarán recursos e información ás mulleres a fin de ver esta modalidade de traballo como unha saída laboral. Ao longo de todo o proxecto haberá un/unha titor/a que analizando ás necesidades especificas de cada muller potencie a súa empregabilidade dotándoas de recursos, habilidades e destrezas co fin de alcanzar a incorporación efectiva ao mercado de traballo.
Os principais obxectivos do proxecto HERA son mellorar os niveis de formación e cualificación, promocionando a reciclaxe profesional das usuarias; dinamizar a promoción do autoemprego; e personalizar a orientación cara as necesidades formativas e inserción laboral.