Solapas principales

A Xunta Local de concentración parcelaria da zona de Biduído II-Bugallido II aproba por unanimidade a cesión ao Concello de Ames de 6.700 metros cadrados de masas comúns

Martes, 06 de mayo de 2014

[06-05-2014] A Casa do Concello de Ames acolleu esta mañá a reunión do pleno da Xunta Local de concentración parcelaria da zona de Biduído II-Bugallido II. Ao encontro asistiron o alcalde de Ames, Santiago Amor; o xefe territorial da Consellería de Medio Rural e do Mar, Antonio Manuel Aguión; técnicos, enxeñeiros e representantes dos veciños/as. Nesta reunión aprobouse por unanimidade a petición de cesión ao Concello de Ames de 7 parcelas, que teñen a catalogación de masa común, na concentración parcelaria de Biduído II-Bugallido II. Con este novo trámite estase chegando ao final do proceso da concentración parcelaria Biduído II-Bugallido II.

O Concello de Ames, a través do departamento de Urbanismo, remitiulle á Dirección Xeral de desenvolvemento rural da consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia un informe coa proposta de cesión ao Concello de Ames de 7 fincas que quedaron coma sobrante mancomún da concentración parcelaria de Biduído II-Bugallido II. Posteriormente, no pasado mes de decembro o Concello de Ames solicitou a cesión destas parcelas alegando o seu interese público, xa que se trata de masas comúns que benefician a un sector moi importante da poboación amiense.

Unha vez emitido este informe, hoxe pola mañá, celebrouse a reunión do pleno da Xunta Local de concentración parcelaria da zona de Biduído II-Bugallido II. Nesta xuntanza aprobouse por unanimidade a petición das masas comúns que lle realizou o Concello de Ames á Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia. Os asistentes emitiron un informe favorable para cederlle ao Concello amiense estas 7 masas comúns, un trámite necesario para que estas fincas pasen a ser de titularidade municipal. Con este novo trámite estase chegando ao final do proceso da concentración parcelaria Biduído II-Bugallido II.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, destacou que “o proceso para rematar a concentración parcelaria Biduído II-Bugallido II segue en marcha e está entrando na súa fase final”. O rexedor municipal tamén explicou que “a empresa contratada pola Xunta de Galicia está na fase de elaboración dos títulos das parcelas da concentración”.

6.700 metros cadrados de masas comúns
Con esta aprobación o Concello de Ames poderá dispor de 7 masas comúns que en total suman unha superficie de 6.700 metros cadrados. Dentro das parcelas con catalogación de masa común que pasarán a ser de titularidade municipal cabe salientar unha finca de 3.439 metros cadrados que se atopa ao lado do campo de fútbol de Ventín e que está moi próxima ao CEP de Ventín. Esta masa común está situada nun área na que as 3 parcelas lindantes tamén son de titularidade municipal. Deste xeito, coa unión de todas estas fincas o Concello pasaría a dispor dunha zona de 5.800 metros cadrados que podería ser empregada no futuro para a construción de novos equipamentos para a veciñanza do Milladoiro.

Outra masa común está situada ao carón do parque infantil e da pista de xogo do núcleo de Ventín. Esta finca ten unha superficie de 843 metros cadrado e posibilitará a ampliación e mellora desta área deportiva e recreativa. Ademais, preto ao lavadoiro de Ventín están situadas outras 3 masas comúns, que suman unha superficie de 837 metros cadrados, e que poderían servir para mellorar o lavadoiro de uso comunitario que existe neste lugar e para ampliar e mellorar o tránsito peonil e rodado na estrada xa existente neste lugar.

Outra parcela cunha superficie de 89 metros cadrados, que está situada no lugar de Coira, servirá para acondicionar o cruce do viario existente neste lugar. Deste xeito, poderíase executar unha curva máis suave e ao mesmo tempo disporíase dun espazo para colocar os colectores de recollida do lixo sen invadir a calzada. Por último, o Concello de Ames disporá dunha masa común de 1.491 metros cadrados, que está situada ao final dunha pista pública de nova apertura da concentración, e que conecta cunha vía preexistente que discorre paralela ao cemiterio municipal de recente execución.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "A Xunta Local de concentración parcelaria da zona de Biduído II-Bugallido II aproba a cesión ao Concello de 6.700 metros cadrados de masas comúns"