Solapas principales

O Concello de Ames porá en marcha un novo obradoiro de emprego relacionado co medio ambiente a través do cal 22 persoas disporán dun posto de traballo durante 6 meses

Lunes, 02 de junio de 2014

[02-06-2014] A conselleira de Traballo, Beatriz Mato, anunciou esta mañá en Ames que a Xunta de Galicia vén de concederlle aos Concellos de Ames e Brión un obradoiro en servizos forestais a través do cal 22 persoas disporán dun posto de traballo durante 6 meses, para realizar diversas labores nos montes e nos ríos destes dous municipios. A Consellería de Traballo achegará uns 200.000 euros para sufragar este obradoiro. O anuncio deste novo obradoiro coincidiu co acto de clausura do programa integrado para o emprego InserAmes Brión, que contou cun orzamento total de 160.000 euros, e no cal participaron un total de 80 persoas dos concellos de Ames e Brión. Un total de 23 persoas xa lograron a inserción laboral dende que se puxo en marcha este programa no pasado mes de novembro.


Formación teórica e prácticas en empresas
Dende finais do mes de novembro os Concellos de Ames e de Brión levaron a cabo un proxecto común; o programa integrado para o emprego InserAmes Brión, no que participaron un total de 80 persoas. Durante os primeiros meses deste programa impartiuse a primeira fase de formación na que os usuarios/as puideron participar nun total de 12 accións formativas. A continuación, os usuarios/as comezaron a realizar prácticas en distintas empresas do concello e da comarca de Compostela. No mes de marzo comezou a segunda fase do plan de formación, que estivo composta de 10 cursos formativos, así como dun módulo de prácticas profesionais. A formación deste programa impartiuse no Centro de Formación e Emprego e no Centro de Servizos Múltiples, ambos situados en Ames, e na Aula Cemit de Brión.

Por outra banda, cómpre destacar que dos 80 alumnos/as que participaron neste programa integrado, un total de 23 xa atoparon algún emprego dende o pasado mes de novembro. Esta é a sexta edición deste programa de formación que desenvolveu o Concello de Ames, sendo a primeira ocasión na que contou coa colaboración do Concello de Brión.

Concesión dun obradoiro en servizos forestais
A conselleira de Traballo, Beatriz Mato, adiantou que a Xunta de Galicia vén de concederlle aos Concellos de Ames e Brión un obradoiro en servizos forestais a través do cal 22 persoas disporán dun posto de traballo durante 6 meses, para realizar diversas labores nos montes e nos ríos destes dous municipios. A Consellería de Traballo achegará uns 200.000 euros para sufragar este obradoiro.

Beatriz Mato destacou que “nesta edición do programa de emprego InserAmes-Brión a consellería de Traballo investiu 160.000 euros. Durante o ano 2014 seguiremos apostando por este tipo de plans integrados de emprego e dende a consellería destinaranse 5,4 millóns de euros para que os concellos e as entidades sociais poidan seguir desenvolvendo estes programas dos cales se van a beneficiar 4.000 galegos e galegas”.

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá o acto de clausura do programa InserAmes-Brión. O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a conselleira de Traballo, Beatriz Mato, foron os encargados de entregarlles os diplomas dos diferentes cursos que realizaron as 80 persoas que participaron neste programa dende o pasado mes de novembro. Neste acto tamén participaron a directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz, o concelleiro de Emprego de Ames, Bernardo Moar, o primeiro tenente de Alcalde e concelleiro de Medio Ambiente de Brión, José Pedro Cambón, a concelleira de Benestar Social de Ames, María Eugenia Martín, o concelleiro de Obras e Urbanismo de Ames, Alfredo Taboada, e a concelleira de Atención e Mediación Parroquial de Ames, Carmen Verde.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, agradeceulle á conselleira de Traballo, Beatriz Mato, e a directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz, a súa presencia no acto de clausura do programa InserAmes-Brión. A continuación, o rexedor municipal explicou que “nos últimos dous anos o Concello de Ames desenvolveu diferentes accións formativas de emprego nas que participaron máis de 200 persoas”. Amor destacou “que para poder desenvolver estas accións formativas en xaneiro de 2013 abriu as súas portas o Centro de Formación e Emprego de Aldea Nova, no cal nos últimos dous anos se investiron máis de 100.000 euros”. Por último o alcalde de Ames incidiu en que “o goberno municipal seguirá traballando para desenvolver accións formativas de emprego co obxectivo de mellorar a situación laboral dos amienses”.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Cuatro talleres de empleo llegarán a siete municipios"
El Correo Gallego: "Ames porá en marcha un novo obradoiro de emprego relacionado co medio ambiente"
El Correo Gallego "Mato impulsa seis talleres de empleo para mejorar la formación de 104 vecinos"