Solapas principales

O Concello de Ames organiza unha xornada de portas abertas para inaugurar a nova sala da biblioteca do Milladoiro

Viernes, 20 de junio de 2014

[20-06-2014] O Concello de Ames, a través da concellaría de Educación, organizou para o próximo mércores, 25 de xuño, unha xornada de portas abertas na biblioteca municipal do Milladoiro na que haberá contacontos, obradoiros e entregaranse os premios do concurso de debuxo con motivo do 20 aniversario de Manolito Gafotas. A través desta iniciativa preténdese que a veciñanza amiense coñeza a nova sala que se construíu para ampliar esta biblioteca. O novo local da biblioteca do Milladoiro, que dispón dunha superficie de 190,80 metros cadrados, permitirá dotar ao Milladoiro dunha biblioteca apta para o estudo e a lectura e en mellores condicións que a actual. Nestes traballos investíronse un total de 108.827 euros. O acondicionamento da biblioteca do Milladoiro está incluído nun convenio asinado entre o Concello de Ames e a Deputación da Coruña.

A concellaría de Educación está preparando unha xornada de portas abertas para o vindeiro mércores, 25 de xuño, na que haberá contacontos a cargo do persoal da empresa Vagalume e un obradoiro de globoflexia. Estas actividades, que se desenvolverán dende as 18:00 ata as 20:00 horas, están dirixidas aos nenos e nenas que teñen a partir de 3 anos. Ademais, entregaranse os premios do concurso de debuxo con motivo do 20 aniversario de Manolito Gafotas. Haberá tres gañadores/as, un por cada categoría, que recibirán un lote de libros. Establecéronse tres categorías de idade: de 3 a 6 anos, de 7 a 9 anos e de 10 a 12 anos. Entre todos os debuxos recibidos seleccionaranse os tres máis orixinais.

A través desta iniciativa preténdese que a veciñanza amiense coñeza a nova sala que se construíu para ampliar esta biblioteca. Deste xeito, a partir do vindeiro mércores, 25 de xuño, quedará aberto ao público o novo local da biblioteca municipal do Milladoiro. Con esta obra dotouse ao Milladoiro dunha biblioteca apta para o estudo e a lectura e en mellores condicións que a actual. Coa execución deste proxecto o goberno municipal cumpre o compromiso de dotar á localidade do Milladoiro dunha biblioteca apta para o estudo e a lectura e en mellores condicións que a actual.

Os traballos consistiron no acondicionamento integral dun local que linda coa actual biblioteca, que pasou a integrarse como unha nova sala de estudo. Este local foi reformado completamente. Deste xeito, houbo que executar a instalación da rede eléctrica, do sistema de fontanería e calefacción, executouse o recebado e pintado das paredes, entre outros traballos. Este local conta cunha superficie total de 190,80 metros cadrados. Nestes traballos investíronse un total de 108.827 euros.

A nova sala conta cunha ampla zona de lectura, unha área de servizos hixiénicos, un cuarto de limpeza e un almacén. Este local está comunicado coa biblioteca existente. Ademais, houbo que dotar a este espazo do mobiliario necesario. Colocáronse 12 mesas que dispoñen de 4 postos por mesa. Polo tanto, esta nova sala conta con 48 postos para persoas que desexen facer uso das mesas deste local. O acondicionamento da biblioteca do Milladoiro está incluído nun convenio asinado entre o Concello de Ames e a Deputación da Coruña.

Ampliación do horario da biblioteca
Esta mellora únese á ampliación do horario de apertura das bibliotecas municipais, que teñen un horario ininterrompido de 8:30 a 21:00 horas, de luns a venres, e os sábados de 09:00 a 14:00 horas. Esta ampliación de horario, que se está aplicando dende o pasado verán, permite reforzar o servizo que ofrecen as bibliotecas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro especialmente na época de exames, o que permite dispoñer da zona de estudos durante un horario máis amplo.

Esta nova sala abrirá no mesmo horario que o resto da biblioteca do Milladoiro. A ampliación do horario das bibliotecas municipais enmárcase dentro do compromiso de prestar un mellor servizo e converter a biblioteca nunha opción para o estudio. Este novo local estará destinado a zona de estudo e de traballo, para as persoas que teñen que preparar oposicións ou exames. Tamén servirá de sala multiusos para acoller charlas e actividades relacionadas co cine, entre outras iniciativas.