Solapas principales

Comeza unha nova edición do Xuño Lúdico con 107 participantes no Milladoiro e 85 en Bertamiráns

Lunes, 23 de junio de 2014

[23-06-2014] Este luns, 23 de xuño, comezou con total normalidade unha nova edición do Xuño Lúdico. Este programa está dirixido aos nenos e nenas empadroados no Concello de Ames e que cursaron segundo ciclo de educación infantil ou educación primaria. O servizo desenvolverase durante os días 23, 25, 26, 27 e 30 de xuño para cubrir as xornadas que restan entre o remate do curso escolar e o inicio da Escola de Verán. O programa ofrece servizo de comedor con almorzo e xantar nas dúas localidades. Durante o primeiro día tiveron lugar a recepción e a distribución dos nenos/as en varios grupos. Tras as correspondentes presentacións realizáronse varios xogos para romper a dinámica de traballo e estudo dos últimos días de clase.


O Xuño Lúdico enmárcase dentro dos programas de conciliación da vida laboral e familiar que pon en marcha o Concello de Ames ao longo de todo o ano. Os programas desenvolveranse en Bertamiráns e no Milladoiro nos locais habilitados polo Concello. En Bertamiráns, as actividades serán para todos os rapaces e durante todos os horarios no comedor do CEIP A Maía, mentres que no Milladoiro lévanse a cabo na Escola de Educación Infantil do Milladoiro e na Casa da Cultura desta localidade. En Bertamiráns participan 85 nenos e nenas e no Milladoiro acoden a este servizo un total de 107 rapaces e rapazas.

Durante estes cinco días, os cativos poderán gozar con obradoiros e xogos ao aire libre para romper coa dinámica de traballo que mantiveron durante os últimos días de curso. A temática elixida este ano para realizar obradoiros e xogos é a arte. Os nenos e nenas realizarán diversas actividades relacionadas coa escultura, pintura e fotografía. Deste xeito, traballarán coas obras de autores como Joan Miró ou Pablo Picasso. Ademais, de participar en obradoiros os nenos e nenas terán tempo para xogar e ver diferentes películas adaptadas á idade de cada grupo de alumnos/as.

O verán é unha época para pasalo ben, sobre todo para os nenos e nenas, que teñen tres meses enteiros libres. Moitos pais e nais non contan coa mesma sorte, e as súas obrigas laborais fan máis difícil conciliar o traballo co coidado dos seus fillos e fillas. Para axudar a estas familias, o Concello de Ames puxo en marcha o Xuño Lúdico, unha iniciativa na que se lles ofrecen actividades lúdicas e educativas aos rapaces e rapazas mentres os seus pais e nais traballan.

Este programa está dirixido aos nenos e nenas que este ano cursaron estudos de educación infantil ou educación primaria. Con este servizo preténdese ofrecer unha alternativa que, ademais de ocupar o tempo de lecer dun xeito divertido e educativo na época de vacacións escolares, permita ás nais e pais conciliar a vida laboral e familiar. Estas actividades desenvólvense durante os días 23, 25, 26, 27 e 30 de xuño, dende as 07:30 h ata as 16:00 horas.