Solapas principales

O Concello de Ames celebra o domingo 19 unha nova edición da Carreira Pedestre Popular

Jueves, 09 de octubre de 2014

[09-10-2014] O Concello de Ames organiza unha nova edición da súa tradicional Carreira Pedestre Popular que terá lugar o domingo, día 19, na localidade de Bertamiráns. O percorrido irá dende os 200 metros ata os 10 kilómetros e haberá un total de 13 categorías, con premios para os tres primeiros clasificados. Un Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo encargarase de supervisar a carreira. En todas as probas, os puntos de saída e chegada serán os arredores do Pazo da Peregrina, na Avenida de José Luis Azcárraga. Os corredores deberán colocarse na zona de saída dez minutos antes de comezar a súa proba.

A competición absoluta iniciarase ás 10:45 horas. As categorías xuvenil-junior e veteranos, é dicir, os nacidos no ano 1998 e anteriores, percorrerán un total de 10.170 metros. O itinerario partirá do núcleo urbano cara ao lugar de Covas, e a continuación, estenderase ata a aldea de Capeáns. Xa na rúa A Rosaleda, os corredores deberán dirixirse á Avenida da Maía para chegar posteriormente ao paseo fluvial. De seguido, terán que dirixirse polo vieiro próximo a Ortoño –Punxeiras Altas– ata chegar a Sisalde. O retorno farase pola mesma vía secundaria ata chegar novamente ao paseo fluvial antes de finalizar no Pazo da Peregrina.

Agárdanse altos niveis de participación
O alcalde de Ames, Santiago Amor, que convida á participación masiva, destaca que a carreira pedestre é unha proba consolidada en Ames que experimentou un crecemento espectacular: “Pasar de 800 a 1.200 participantes en tres anos indica que a carreira vai a máis, concitando o interese de moita xente de fóra. Para o Concello é un dos eventos sociais máis importantes do ano, que reforza a boa práctica deportiva dos amienses, ao tempo que constitúe unha oportunidade estupenda para amosar o noso pobo e para a magnífica oferta hostaleira e gastronómica que posuímos”.

Percorridos para tódalas idades cun total de 13 categorías
Ás 12:00 horas, tras a competición absoluta, está previsto que comecen as probas da categoría pitufo –nados no ano 2010 e posteriores–, que correrán unha distancia de 200 metros. A esta seguiranlle os grupos prebenxamíns (350 metros), benxamíns e alevíns (1.000 metros), infantís (2.000 metros) e cadetes (2.800 metros), é dicir, todos os nacidos entre os anos 2000 e 2009.

A inscrición está aberta a todos os públicos, con ou sen licenza federativa, e o prazo para efectuala rematará o mércores, día 15, ás 22:00 horas. Será gratuíta para as categorías escolares, de pitufo a cadete, e custará 5 euros para os corredores da proba absoluta, dende xuvenís a veteranos. Pode realizarse enchendo un formulario a través da páxina web www.emesports.es ou acudindo ás tendas de deportes Amesport –Avda. da Maía, 83– e Metrópolis –Avda. da Peregrina, 1–.

Recollida de dorsais e chips
Todos os participantes levarán un dorsal que terán que recoller na secretaría da organización situada no Pazo da Peregrina o día antes da carreira (entre as 17:00 e as 20:00 horas) ou ata media hora antes da proba. Tamén será obrigatorio o uso do chip que irá colocado nunha das zapatillas.

A Federación Galega de Atletismo, a través dun Comité de Xuíces, encargarase de controlar toda a carreira. As posibles reclamacións que poidan xurdir por parte dos participantes deberán ser formuladas ao xuíz árbitro da competición, despois de, como máximo, trinta minutos tras a publicación dos resultados.

Premios para os tres primeiros clasificados de cada categoría e para as persoas empadroadas no concello de Ames que acaden as tres primeiras posicións na categoría absoluta
Ao final da carreira farase a entrega de premios para os tres primeiros clasificados de cada categoría agás nos grupos de prebenxamíns e pitufos nos que todos os participantes levarán unha medalla conmemorativa. Ademais, as persoas empadroadas no Concello de Ames que acaden os tres mellores resultados na proba absoluta tamén recibirán un trofeo.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames espera una participación masiva en su Carreira Pedestre del domingo 19"