[24-10-2014] O goberno municipal de Ames non modificará as ordenanzas fiscais e reguladoras de prezos públicos para o ano 2015. Por segundo ano consecutivo, as taxas da auga e saneamento quedarán conxeladas.
O alcalde, Santiago Amor, destaca que a intención do Concello é facilitar todo o posible as condicións de vida dos veciños no que atinxe ao sistema público: “A xestión económica destes anos permítenos manter un ano máis as taxas municipais sen minguas da calidade dos servizos”.
A sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de outubro adoita abordar as actualizacións anuais das ordenanzas fiscais e reguladoras de prezos públicos. Nesta ocasión, o coeficiente a aplicar ascende ao 1’4%, equivalente ao incremento do índice de prezos do consumo experimentado entre xullo de 2012 e xullo de 2014. Para aplicar as actualizacións deste tipo de ingresos é preciso considerar a variación experimentada polo índice dende a derradeira modificación aprobada, que neste caso foi no mes de outubro do ano 2012, empregándose o IPC correspondente ao mes de xullo:
- Variación IPC xullo 2012/2013-- 1,8%
- Variación IPC xullo 2013/2014-- -0,4%
- Variación IPC xullo 2012/2014-- 1,4%
O pasado ano, o pleno acordou conxelar as taxas e prezos públicos, en contra do previsto no plan de axuste aprobado por ese mesmo órgano municipal. Á vista disto e dos argumentos empregados no seu momento para a adopción do acordo, “é a miña intención non propor modificacións a este respecto na próxima sesión ordinaria a celebrar o vindeiro 30 de outubro”, aclara o rexedor amiense.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "El Concello de Ames apuesta por congelar tasas y precios públicos para el 2015"
El Correo Gallego: "O goberno amiense conxelará as taxas e os prezos públicos para o ano 2015"