Solapas principales

A Aula CeMIT do Concello de Ames pon en marcha novas actividades no mes de novembro

Martes, 04 de noviembre de 2014

[04-11-2014] A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello de Ames iniciará 9 novos cursos na semana do 10 ao 15 de novembro. A Aula de CeMIT de Bertamiráns reiniciou a súa actividade o pasado 25 de outubro, ampliando o seu horario durante o último trimestre do ano. Esta aula formativa, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, conta cun novo horario máis amplo que ten como obxectivo facilitar o acceso dos veciños e veciñas de Ames aos diferentes cursos que ofertará ao longo dos vindeiros meses. Deste xeito, a aula estará aberta ao público de luns a venres a xornada completa, cun horario que abrangue desde as 09:30 ás 21:30 horas. Ademais, os sábados a Aula Cemit de Bertamiráns abrirá entre as 09:30 e as 13:30 horas.


A Rede CeMIT da Xunta de Galicia configúrase como o instrumento fundamental para promover a alfabetización dixital da sociedade galega. A Rede CeMIT ten como obxectivo potenciar actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da Sociedade da Información.

A programación de cursos da aula CeMIT estará dirixida a todos os públicos. Deste xeito, dende o 8 de novembro ata o 13 de decembro tódolos sábados estarán adicados aos máis cativos. Nesta ocasión van poder crear o seu propio videoxogo, xa que poderán aprender a programar con “Scratch”. Esta actividade está dirixida a nenos e nenas de 8 a 12 anos. Realizaranse en dúas quendas: de 10:00 a 11:15 horas e de 11:45 a 13:00 horas.

A programación para adultos comezará do 10 ao 24 de novembro co curso de “Creación e modificación de Currículo”, co que se pretende que os participantes sexan autónomos na xestión da súa presentación profesional e sexan quen de crear e actualizar os seus datos utilizando un procesador de texto e algunhas outras ferramentas dixitais para facer un currículo personalizado. O horario deste curso será os luns e xoves, de 17:30 a 19:00 horas.

Tamén do 10 ao 24 de novembro impartirase o curso de “Crea e mantén o teu blog”, co que se pretende que os/as participantes creen o seu primeiro blog, e motivalos para que utilicen esta ferramenta para difundir as súas inquedanzas. O horario desta actividade será os luns e xoves, de 19:30 a 21:00 horas.

Por outra banda, dende o 11 ata o 21 de novembro impartirase o curso de alfabetización dixital “Merca na rede”, co que se pretende que os/as participantes se inicien no uso da rede para facer as súas compras dun xeito seguro, ademais de visitar e simular compras en diversas tendas incidirase no tema da seguridade da rede neste tipo de transaccións. Este curso desenvolverase os martes e venres, en horario de 17:30 a 19:00 horas.

Nas mesmas datas, do 11 ao 29 de novembro, realizarase o curso de alfabetización dixital “Ferramentas da rede para organizar o noso traballo”, a través do cal os/as participantes coñecerán os recursos dispoñibles na rede para levar un calendario grupal, crear documentos colaborativos, propoñer datas para as reunións, etc. O horario deste curso será os martes e venres, de 19:30 a 21:00 horas.

Cursos sobre ofimática, Internet e correo electrónico
Os mércores 12 e 19 realizarase o obradoiro “Opera co teu banco en Internet” co obxectivo de dar a coñecer esta nova forma de poder consultar as contas bancarias e realizar algunhas xestións a través da rede. Esta actividade impartirase os mércores de 19:30 a 21:00 horas.

Ademais, realizarase un curso de “Iniciación á informática”, que capacitará aos/as usuarios/as para o manexo do computador. Este obradoiro desenvolverase do 10 ao 17 de novembro (luns, mércores e venres de 10:00 a 11:30 horas). Do 10 ao 21 de novembro tamén se impartirá un curso de “Ofimática”, que capacitará aos/as participantes para o uso do paquete ofimático LibreOffice. O horarioserá os luns, mércores e venres de 12:00 a 13:30 horas.

Por último, entre o 11 e o 13 de novembro, realizarase o curso de “Correo electrónico para maiores” no que os participantes poderán crear e xestionar a súa conta de correo electrónico de maneira autónoma. Esta actividade impartirase os martes e xoves, en horario de 10:00 a 11:30 horas. Mentres que dende o 11 ata o 20 de novembro, desenvolverase o curso de “Procura de emprego” no que os/as asistentes poderán coñecer como se realiza unha procura activa de emprego a través da rede. O horario será os martes e xoves, de 12:00 a 13:30 horas.

Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as citadas actividades poden dirixirse ao Aula CeMIT de Ames, que está situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, 1º andar, na Praza de Chavián s/n, Ames; a través da páxina web https://cemit.xunta.es/, chamar ao telefono 662 371 511 ou enviar un correo electrónico ao enderezo: cemit.ames@xunta.es

Ademais, hai que recordar que o CeMIT de Ames tamén funciona como aula aberta, é dicir está aberto ao público para aprender mecanografía, consultar Internet, crear documentos, escanear, imprimir, etc.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "El aula CeMIT de Ames enseña a tratar con el banco y programar"