[03-01-2015] As Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente visitarán este luns o concello de Ames, onde realizarán un percorrido polas rúas do Milladoiro e posteriormente por Bertamiráns. Logo achegaranse aos pavillóns destas dúas localidades e escoitarán as peticións dos nenos amesáns. Alí o grupo Migallas ofrecerá o seu xenial espectáculo de entretemento infantil e tamén soará a música dos gaiteiros Os Castros e Follas Novas. O alcalde e membros da corporación municipal tamén asistirán ao acto de benvida de Melchor, Gaspar e Baltasar.
No Milladoiro, ás 17:00 horas, os Reis desfilarán pola Travesía do Porto, a rúa dos Cereixos, Agro da Madalena, Agro do Medio, rúa de Abaixo, Raxoeira, Rosalía de Castro, rúa Figueiras, rúa do Rego e Costa Grande para volver pola rúa Figueiras, Rosalía de Castro, rúa da Madalena, Travesía do Porto. Farán a última parada no pavillón de deportes.
En Bertamiráns, ás 18:00 horas, a cabalgata pasará pola rúa Alcalde Lorenzo, Avenida da Maía, Travesía do Pedregal, rúa Poeta da Maía, Avenida da Maía, Avenida da Peregrina e o pavillón municipal.
Os Reis Magos entregarán os premios aos gañadores do Concurso de Cartas de Nadal
Os gañadores da oitava edición do Concurso de Cartas de Nadal do Concello de Ames daranse a coñecer durante a gala de recepción dos Reis Magos. Esta iniciativa diríxese aos nenos e nenas de Educación Infantil, primeiro e segundo ciclo de Primaria. Un total de 400 rapaces e rapazas de Ames depositaron as súas cartas nas caixas de correo real situadas nos colexios, nas bibliotecas municipais, nas casas da cultura e na Casa do Concello.
Durante a pasada semana o xurado en Oriente reuniuse para elixir aos gañadores e gañadoras, que recibirán os seus premios das mans dos propios Reis Magos durante a cabalgata real. Os participantes tiveron desexos para a continuidade da nosa lingua, pedindo que se manteña sempre, que medre e se conserve en todos os contextos coma o cine, a música, os xogos…
En Bertamiráns os premiados foron Candela Penedo Hermo, que cursa estudos de Educación Infantil no CEIP da Maía; Sofía Núñez Niechwiadowicz, de primeiro curso de Educación Primaria no CEIP de Barouta; e Hugo Benali Brea, alumno de cuarto curso de Primaria no CEIP Agro do Muíño.
No Milladoiro os gañadores foron Yago Bouzas Durán, de Educación Infantil na EEI do Milladoiro; Paula Castaño Rivera, que cursa primeiro de Educación Primaria no colexio Alca; e Carla Veiga López de cuarto de Primaria, tamén no colexio Alca.
Á volta de Reis, os Magos depositarán no correo real arredor de 400 cartas-resposta, que chegarán durante o mes de xaneiro ás casas dos participantes. Ademais, como algúns nenos esqueceron poñer o seu enderezo postal, os Magos enviarán cartas-resposta aos colexios participantes para que repartan entre os nenos que non a recibiron na casa.