[10-05-2015] Máis de trescentos ciclistas participaron este domingo na celebración do Día da Bici, que tivo lugar esta mañá polas rúas de Bertamiráns. O número de inscritos nesta novena edición duplica a cifra do ano pasado, e supón un récord de participación. A maior parte dos ciclistas eran amesáns, pero tamén había participantes de concellos veciños: Teo, Negreira, Santiago e Brión.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, uniuse ao paseo ciclista onde destacaba a camiseta amarela fluorescente que simbolizaba a proba popular. Amor valorou o “aire festivo e popular dunha proba que vai a máis” en asistencia e capacidade de convocatoria. “O crecemento enorme das actividades de participación social en Ames é unha evidencia que nos reafirma na importancia de seguir mellorando este tipo de citas, que cada vez son máis masivas”, segundo subliñou o rexedor.
A actividade, que estaba coordinada pola Asociación Galega de Ciclistas, o Club Ciclista de Ames, Os esfola arrós e o Ribeiras do Tambre BTT, se desenvolveu durante unha hora aproximadamente, converténdose nunha xornada apacible na que grandes e pequenos gozaron subidos ás bicis, mentres avoas e mamás aleccionaban aos cativos sobre un comportamento seguro sobre as dúas rodas, algunha mesmo co apoio de rodiñas.