Solapas principales

Abre o prazo para inscribirse no programa de saúde para os maiores “Sanauga”

Viernes, 18 de septiembre de 2015

[18-09-2015] 60 persoas poderán participar este curso 2015-2016 en Sanauga”, un programa de actividades acuáticas para persoas maiores e persoas con discapacidade que poñen en marcha as concellarías de Benestar Social e Voluntariado a través da Oficina de Voluntariado (OVA) e que está cofinanciado coa Deputación de A Coruña. O prazo para inscribirse comeza o 19 de setembro e as prazas se adxudicarán por rigorosa orde de inscrición. As persoas interesadas poden inscribirse e obter máis información no teléfono 662 377 044. As clases, que comezan o 6 de outubro e se prolongarán ao longo de todo o curso, desenvolveranse na piscina do Centro deportivo A Telleira.

O programa “Sanauga” que ten como finalidade mellorar a mobilidade e o benestar físico dos asistentes. Ofertará este curso seis prazas máis que o curso pasado. A actividade, dirixida a persoas maiores de sesenta anos e/ou persoas que teñan algún tipo de discapacidade, ten a finalidade de mellorar a mobilidade e o benestar físico dos asistentes. O curso vai encamiñado á mellora física das persoas participantes e o seu obxectivo principal é mitigar enfermidades como a artrite e as dores derivadas de diversas doenzas musculares e óseas a través da ximnasia acuática.

Para poder participar nesta actividade non é preciso saber nadar, posto que as dinámicas consisten na realización na auga de exercicios que habitualmente se fan en terra. O que se pretende con este tipo de exercicios é unha aproximación ao medio acuático desde a motricidade cotiá das persoas e sen o requirimento de saber nadar. Realízanse na auga movementos habituais cos que a persoa maior está familiarizada, como pode ser andar, mobilidade de segmentos corporais, empurrar materiais, etc.

O programa desenvólvese na piscina do Centro deportivo A Telleira, situada en Bertamiráns. A actividade, que se imparte polas mañás, repártese en tres quendas. Os luns e mércores en horario de 9:15 a 10:00 horas (un grupo) e de 10:45 a 11:30 horas (dous grupos); e os martes e xoves de 11:30 a 12:15 horas (un grupo). Cada grupo está composto por 14 persoas.

Para a concelleira de Participación e Atención Veciñal e Voluntariado, Isabel González Cancela, “Sanauga é unha actividade imprescindible e que xa forma parte da axenda dos maiores de Ames, de xeito que cando comeza o curso moitos deles están agardando por ela por que pola súa experiencia ou polos comentarios que escoitan de familiares, amigos e coñecidos, saben que favorece tanto doenzas propias da idade que xa teñen como prevén algunhas que poidan ter” .

Pola súa banda, a concelleira de Servizos sociais, Luisa Feijoó manifesta que "o novo goberno atenderá as necesidades e demandas das persoas maiores como unha prioridade absoluta para nós, por iso continuamos cos proxectos de Amessan e Sanauga que xa foron impulsados desde o goberno dende o ano 2004".