Solapas principales

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, realizou esta mañá unha visita institucional ao Concello de Ames

Jueves, 01 de octubre de 2015

[01-10-2015] A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, realizou esta mañá unha visita institucional ao Concello de Ames. Neste encontro a vicepresidenta do organismo provincial mantivo unha xuntanza co goberno municipal e outros concelleiros da Corporación, pertencentes aos grupos municipais do Partido Popular e Ames Novo. Ademais, Goretti Sanmartín mantivo dúas xuntanzas coas concelleiras de Normalización Lingüística e de Servizos Sociais, e visitou o cemiterio municipal e a Casa da Cultura do Milladoiro.


Ampliación da Casa da Cultura do Milladoiro
Por último, a vicepresidenta visitou a Casa da Cultura do Milladoiro acompañada do concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, e da concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero. Nesta visita fíxose unha primeira valoración da necesidade de ampliación das instalacións desta casa da cultura para dotala de máis espazos de uso público.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destacou que “a importancia desta ampliación ven motivada polas necesidades desde hai anos de darlle un maior contido ao único espazo situado no Milladoiro, onde se realizan a maior parte das actividades culturais e de formación levadas a cabo polo Concello e as distintas asociacións. Consideramos de vital importancia a creación de mais espazos físicos para poder desenvolver proxectos culturais ou de outro tipo, xa que O Milladoiro está considerado como o núcleo con máis poboación do concello, e os seus servizos deberían estar en equilibrio co número de habitantes”.

En primeiro lugar, Goretti Sanmartín, acompañada do concelleiro de Urbanismo e Obras, Blas García, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, e a concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, visitou as instalacións do cemiterio municipal dos Batáns. A vicepresidenta da Deputación mostrou boa disposición para colaborar co goberno municipal na busca de posibles vías de financiamento para poñer en funcionamento esta infraestrutura municipal, que é prioritaria para o goberno municipal.

De seguido, a vicepresidenta mantivo unha xuntanza no salón de plenos da Casa do Concello, á que estaba invitada toda a Corporación, e á que asistiron os membros do goberno municipal e concelleiros/as dos grupos municipais do Partido Popular e Ames Novo. Neste encontro abordáronse varias cuestións relativas á concesión de axudas por parte do organismo provincial.

Goretti Sanmartín explicou que a Deputación acaba de presentarlle aos concellos da provincia un Plan de Acción Social (PAS) dotado con máis de 30 millóns de euros. Isto permitiralle ao Concello de Ames dispor de máis fondos, xa que este programa únese ao Plan de Obras e Servizos (POS), que xa existía. A través do PAS financiaranse múltiples proxectos de interese social, sempre baseándose en criterios obxectivos de reparto. Para iso valorarase que os Concellos presenten proxectos integrais (grandes proxectos) e que sexan iniciativas supramunicipais.

Neste senso o alcalde de Ames, José Miñones, solicitou que “no reparto desas axudas se teñan en conta as particularidades de cada concello”. Ademais, o rexedor municipal “agradeceu a visita da vicepresidenta, xa que desta forma ábrese unha nova etapa na que a Deputación se achega aos concellos e participa da vida municipal”. Por último, ofreceu “a máxima colaboración co organismo provincial para poñer en marcha todos os proxectos que sexan posibles”.

Tras esta xuntanza, Goretti Sanmartín mantivo dúas reunións individuais coas concelleiras de Normalización Lingüística e de Servizos Sociais, para abordar diversas cuestións destes departamentos municipais.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "A Deputación, ao rescate do cemiterio e casa da cultura"
La Voz de Galicia: "La Diputación estudia vías de financiación para abrir el cementerio municipal"