Solapas principales

Comezan as clases na Escola Municipal de Adultos

Martes, 27 de octubre de 2015

[27-10-2015] O Centro de Formación de Aldea Nova acolle este curso as aulas onde se imparten as clases da Escola Municipal de Adultos que o Concello de Ames, a través da concellaría de Educación e Cultura, pon en marcha co obxectivo de axudar a aqueles veciños e veciñas maiores de 18 anos que o desexen a obter o título de Graduado en Educación Secundaria. David Santomil visitou a Escola e ofreceu o apoio do Concello ao servizo. As persoas que aínda queiran matricularse ou desexen obter máis información poden dirixirse ao departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ou ás Oficinas Municipais do Milladoiro, na rúa de Abaixo, número 10. Tamén poden chamar ao teléfono 981 891 476.

O curso na Escola Municipal de Adultos comezou o día 19 de outubro e prolongaranse durante todo o curso en horario de 18:00 a 21:00 horas, os luns, martes e mércores. Nun principio este ano hai 19 persoas matriculadas. Porén a cifra de matriculados adoita a variar ao longo do ano, dado que este servizo admite a incorporación de novos alumnos e alumnas durante o curso escolar. Carmen Reboredo, técnica do departamento de Educación é a encargada de dar as clases que este ano, por primeira vez, impártense no Centro de Formación de Aldea Nova.

As clases na Escola Municipal de Adultos organízanse tendo en conta o perfil de cada alumno/a e valóranse factores que van desde a idade á formación inicial, dispoñibilidade persoal de asistencia ou a procedencia da persoa. Existe, ademais, un servizo de titoría clave á hora de preparar as probas finais.

O concelleiro de Educación e Cultura David Santomil Mosquera visitou a Escola na inauguración do curso e manifestou que "o Concello de Ames reforza este proxecto educativo que lles achega ferramentas ás persoas maiores de 18 anos para obter o título da ESO. Conseguir este título é un primeiro paso de cara á inserción laboral, necesaria para acceder a ciclos formativos e ao mercado de traballo". Ademais o concelleiro ofreceu aos alumnos/as "todo o apoio para lograr estes obxectivos, con recursos propios do Concello de Ames a disposición dos veciños e veciñas" e desexoulles moita sorte no cometido que acaban de emprender. "Nunca é tarde", destacou o concelleiro, para animar a aqueles alumnos e alumnas de maior idade que participan no curso.

O calendario da Escola Municipal de Adultos organízase en dous cuadrimestres, de outubro a xaneiro e de febreiro a xuño. Este curso hai algúns alumnos e alumnas que preparan a proba libre, para realizar na convocatoria ordinaria do mes de maio. O resto do alumnado irá eliminando os contidos cos exames parciais que se realizarán no IES San Clemente ao longo do curso. Estes contidos agrúpanse en tres ámbitos de coñecemento: Comunicación, que abrangue Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura e Lingua estranxeira (inglés ou francés); Científico-tecnolóxico, que inclúe Matemáticas, Ciencias da Natureza, Física, Química e Tecnoloxía; e Ámbito social, que inclúe contidos de Xeografía, Historia, e outras materias afíns.

A matrícula está aberta todo o ano
A Escola municipal de adultos non esixe asistencia obrigatoria, e esta queda función das posibilidades de cada quen, xa que hai alumnado que compatibiliza un emprego coa formación. A matrícula permanece aberta ao longo do ano, polo tanto poden apuntarse aquelas persoas que só desexen realizar o exame final en xuño no IES San Clemente de Santiago de Compostela, malia que é recomendable a asistencia ás aulas desde o comezo do curso para ter maiores garantías de aprobar.

Todos os veciños e todas as veciñas de Ames maiores de 18 anos que desexen obter o Título de Graduado en Educación Secundaria, poden matricularse para este curso 2013-2014 no departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, e nas Oficinas Municipais do Milladoiro, na rúa de Abaixo, número 10. Ante calquera dúbida poden chamar ao departamento de Educación a través do número de teléfono 981 891 476.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La Escola de Adultos inicia el curso con 19 estudiantes sin título de ESO"
El Correo Gallego: "Una veintena de adultos se lanzan a por el título de graduado en Secundaria"