Solapas principales

Ames e Teo executarán proxectos compartidos en materia de urbanismo

Martes, 24 de noviembre de 2015

[24-11-2015] Esta mañá, os concelleiros de Urbanismo dos Concellos de Ames e Teo, Blas García e Uxía Lemus, mantiveron unha xuntanza nas oficinas de Urbanismo do Concello de Ames para abordar proxectos comúns que pretenden executar de cara ao futuro. O concelleiro de Urbanismo de Ames explicou que “os goberno de Ames e Teo apostan por mancomunar servizos polo que se está traballando nesa liña co fin de executar proxectos compartidos que beneficien a veciñanza de ambos os dous concellos”.

Un dos proxectos que se pretende executar entre ambas Administracións é a mellora dun camiño, que vai dende a estrada provincial DP-0206 ata a rotonda da N-550 que está á altura do Supermercado Gadis. Segundo se desprende da xuntanza mantida hoxe o Concello de Teo elaborará un proxecto para enviarllo á Deputación da Coruña co obxectivo de conseguir o financiamento necesario para poder pavimentar esta vía. Deste xeito, o concello de Ames disporía dunha nova saída dende a Travesía do Porto e dende o polígono Novo Milladoiro. Ao mesmo tempo, para o concello de Teo permitiríalle dispor dunha nova saída para os veciños e veciñas do lugar da Agrela.

Outro dos asuntos tratados nesta xuntanza foi a posibilidade de que algúns dos veciños/as teenses da aldea da Agrela se poidan conectar ao servizo de saneamento do Concello de Ames. Sobre este asunto o concelleiro de Urbanismo de Ames mostrou boa disposición e quedou en falar cos servizos técnicos municipais para tratar de buscar unha solución. Blas García explicou que “Ames xa emprega a depuradora de Calo, polo que non debería haber problema para que estes veciños da Agrela poidan conectarse ao noso servizo de saneamento”.

Creación dun novo acceso na AP-9
Por outra banda, Blas García e Uxía Lemus falaron da proposta que o Concello de Teo lle presentou ao Ministerio de Fomento, para que transforme as vías de servizo de entrada e saída da autoestrada AP-9 na zona de peaxe, en accesos a esta vía de alta capacidade. Esta medida beneficiaría tamén ao concello de Ames xa que suporía un alivio a gran cantidade de tráfico que soporta a N-550 ao seu paso pola avenida de Rosalía de Castro no Milladoiro.

Blas García explica que “dende o goberno municipal de Ames estamos totalmente de acordo coa solicitude feita polo Concello de Teo, para que se acondicionen as vías de servizo, que empregan os empregados de Audasa para acceder a zona de peaxe, como como vías de acceso para os vehículos. O Concello de Teo vai ter o noso apoio para defender esta proposta ante o Ministerio de Fomento e a Xunta de Galicia”.

Uxía Lemus sinalou que "este tipo de colaboración ofrece posibilidades de mellora para os dous Concellos tanto a nivel macro, como no caso do proxecto da AP-9, como en temas máis puntuais, pero que van incidir moi positivamente na calidade de vida dos veciños, como é o saneamento no lugar de Agrela, en Calo".


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames y Teo asumirán obras y proyectos compartidos en Milladoiro y Agrela"
El Correo Gallego: "Ames respalda a idea de executar un novo acceso para a AP-9"