Solapas principales

Preséntase a programación de actividades que se van desenvolver en Ames con motivo da celebración do 179 aniversario de Rosalía de Castro

Jueves, 18 de febrero de 2016

[18-02-2016] Esta mañá, as 11:30 horas a Casa do Concello acolleu a presentación da programación coa que, a vindeira semana e baixo o lema "Ames con Rosalía" conmemorarase o 179 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. A concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, e o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, anunciaron os distintos actos e actividades, que comezan pendurando unha lona na Casa do Concello, como símbolo do compromiso do Concello co pensamento e coa figura rosaliana. As actividades continúan na colocación de poemas rosalianos nos escaparates do comercios amesáns e coa celebración dun acto literario-musical o mércores 24 de febreiro. A programación rematará cunha excursión a distintos lugares da Ruta Rosaliana.


Acto central do Día de Rosalía de Castro
O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolle o mércores, 24 de febreiro, coincidindo coa data do nacemento de Rosalía, os actos de homenaxe á escritora. A entrada ao acto literario-musical será libre e completamente gratuíta. Arrincará coa presentación da Declaración institucional da Corporación Municipal do Concello de Ames, na que se declarará publicamente o compromiso do goberno municipal de continuar coa conmemoración desta data.

Isabel Vaquero e David Santomil agradeceron "a participación de todas as persoas, tanto alumnado dos centros escolares amesáns, como á Asociación de xubilados e aos asistentes a Cursos de Lingua e Cultura Galega por acceder á colaborar coa lectura de textos e poemas escritos por Rosalía de Castro". "Tamén contaremos coa presenza de dous persoeiros sobranceiros de Ames, Maximino Viaño e a propia Dolores Vilavedra".

Pola banda musical, a homenaxe contará coas actuacións da artista Xiana Lastra, que estará acompañada ao piano por Adrián Saavedra, colaboradora do disco "A miña primeira Rosalía" e do "irreverentísimo" cantautor punk O Leo i Arramecághona, quen participou no proxecto conxunto "150 cantares para Rosalía de Castro", libro dixital editado en 2015.

Ames Radio contribuirá á celebración desta data ao longo de toda a semana "emitindo programación dedicada especialmente á figura de Rosalía de Castro. Na radio municipal realizarán lecturas da obra rosaliana varios veciños e veciñas do municipio; escritores e escritoras do talle de Séchu Sende, Manolo Portas, Mª López Sánchez ou Rafa Vilar falaran nas ondas do que significou para eles e elas o poñerse en contacto coa figura de Rosalía e a importancia que ten a súa figura na literatura e na historia galegas.

Excursión poética pola Ruta Rosaliana
A programación concluirá cunha excursión en autobús, con saída o sábado 27 de febreiro ás 10:00 de Milladoiro e ás 10:15 de Bertamiráns e que fará parada por algunhas das localizacións da contorna nas que se atopan edificios ou lugares pertencentes á chamada Ruta Rosaliana.

A primeira destas paradas atópase en xeografía amesá. É a casa onde Rosalía de Castro pasou os primeiros anos da súa vida, situada na Tarroeira, na parroquia de Ortoño. Trala casa a visita continuará por Bastavales, parroquia de Brión, onde se atopa a igrexa cuxas campás protagonizan un dos versos mais sonados da autora. O autobús porase entón en marcha cara o concello de Padrón, onde os excursionistas se apearán para facer unha visita a Iria Flavia e á Casa-Museo de Rosalía de Castro, a coñecida como "Casa da Matanza". A concelleira explicou que a excursión empregaríase tamén para "aproveitar e conectar a obra de Rosalía cos distintos lugares que compoñen a visita, lendo tamén algúns dos seus textos e aprendendo máis sobre a súa obra e o seu pensamento".

O prazo de inscrición para participar na excursión finaliza o día 25 de febreiro. Pódese reservar praza chamando aos teléfonos 981 535 940 ou ao 662 377 215. O prezo da excursión é de "1,5 euros, a entrada á Casa-Museo de Rosalía".

Na rolda de prensa, Isabel Vaquero expresou que un dos motivos desta programación é difundir o pensamento rosaliano "como xeito de recuperar o orgullo de quen somos e o recoñecemento da nosa lingua como expresión xenuína das galegas e galegos". En todos estes actos convídase a "participar á veciñanza amesá". Ás 12:00 horas, trala presentación, colgouse a lona no balcón lateral da Casa do Concello. Nela figuran os versos "No sembrante a alegría, no corazón o esforzo". Ambos concelleiros subliñaron que simboliza " o compromiso do Concello de Ames co pensamento e figura rosalianos". Unha figura á que, dende Ames, se lle garda "unha querencia especial".

As actividades coordináronse para ofrecer un programa "variado” no que poida particiar toda a cidadanía, pero con especial atención á poboación máis nova" que será, ademais, unha das grandes protagonistas do acto do 24 de febreiro e da programación especial que Radio Ames dedicará a Rosalía.

Campaña coa participación dos comercios amesáns
Afirmou Isabel Vaquero que, dende o Concello, "agardamos tamén implicar a toda a veciñanza, que todas e todos os amesáns se sintan orgullosos de quen son e de teren como veciña unha figura do talle de Rosalía". A concelleira de Normalización Lingüística engadiu que a obra e o pensamento rosaliano continúan a estar "totalmente vixentes na actualidade" e, ademais, "necesarios para acadarmos unha sociedade máis xusta".

A programación de Rosalía, continúa coa distribución polos establecementos amesáns de carteis cunha ilustración da poetisa, cedida por Rei Zentolo, acompañada duns versos. Da escolma de estrofas encargouse a experta na figura da escritora e membro da Fundación Rosalía, Dolores Vilavedra. Os carteis situaranse nos escaparates dos establecementos para, en palabras de David Santomil, "dinamizar o concello local á vez que se lle achegan ao público fragmentos da obra da poetisa". Os textos manteranse nos escaparates ao longo do mes de febreiro.


Contido relacionado


El Correo Gallego:"Actos por Rosalía cos comercios e veciños de Ames"