Solapas principales

O Concello de Ames asigna preto de 20.000 euros para a celebración de actividades culturais

Miércoles, 30 de marzo de 2016

[30-03-2016] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar as contas xustificativas presentadas polas asociacións beneficiarias de axudas dentro da convocatoria de subvencións para promoción de actividades levadas a cabo por asociacións culturais no exercicio 2015. Trala aprobación da xustificación, nas vindeiras semanas o Concello de Ames realizará o pagamento dun total de 19.781 euros entre 11 entidades municipais.

Cómpre lembrar que na Xunta de Goberno Local, celebrada o 15 de maio do pasado ano 2015, deuse aprobación ás bases da convocatoria de subvencións para a promoción de actividades levadas a cabo por asociacións culturais do Concello de Ames para actividades levadas a cabo no exercicio 2015. Posteriormente, xa co novo goberno municipal, o pasado 5 de novembro de 2015, a Xunta de Goberno aprobou o reparto de achegas con cargo a esta convocatoria de axudas.

Agora, tendo en conta que as entidades solicitantes achegaron toda a documentación xustificativa esixida polas bases reguladoras da convocatoria, e revisada polo departamento municipal de Cultura, a Xunta de Goberno Local acordou aprobar o pagamento destas subvencións.

Deste xeito, nas vindeiras semanas o Concello de Ames ingresará un total de 19.781 euros entre 11 entidades municipais. As asociacións beneficiarias son a Asociación de Veciños Monte do Crego, que recibirá 830 euros; a Asociación Recreativa, Deportiva e Cultural Lojo Batalla, que disporá de 1.000 euros; a Asociación Educativa Cultural Musicrearte, que percibirá 2.090 euros; a Asociación Cultural Antonio Santomil, á cal lle corresponden 1.800 euros; a Asociación Cultural Follas Novas, disporá de 3.480 euros; a Asociación de Veciños San Paio de Lens, que levará 759 euros; a Asociación de Veciños San Pedro de Bugallido, que obterá 550 euros; e a Asociación Sociocultural de Mulleres de San Xoán, que lle corresponden 1.450 euros.

Outras tres entidades disporán de subvencións, pero por un importe inferior ao concedido inicialmente, xa que presentaron a documentación de xustificación de gasto por un importe insuficiente para acceder á achega que se lle concedera. Así, a Asociación Cultural A Silva percibirá 830 euros; a Asociación Cultural Os Castros disporá de 5.526,89 euros; e á Asociación Cultural A Madalena abonaránselle 1.465,81 euros.

Por último, a Asociación Amigos do Camiño Portugués e a Asociación Cultural A Mahia non percibirán a axuda concedida inicialmente, debido a que xustificaron un gasto inferior ao 50% do orzamento subvencionado, o que motivou a perda de dita subvención.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que “unha vez concedidas as subvencións do ano 2015 xa iniciamos un proceso participativo para redactar a nova convocatoria do ano 2016 coa colaboración das entidades locais, que agardamos ter rematado no mes de mes de abril”.