[25-05-2016] Este venres a Casa da Cultura de Bertamiráns acolle un espectáculo músico-teatral, pensado para o público familiar: Magín Blanco e Uxía cantan a Manuel María. Unha obra na que estes e outros artistas poranlle música aos versos que o poeta escribiu dirixíndose aos nenos e nenas. Comezará ás 18:30 horas e as entradas xa están á venda.
Distintos ritmos e estilos musicais visten as verbas de Manuel María e danlle vida, composicións musicais que beben da música tradicional galega, pero tamén dos sons cubanos, do tango, do pop ou do rock. Este espectáculo mestura teatro con música, e colle poemas dos catro libros que Manuel María adicou aos máis pequenos e pequenas: “As rúas do vento ceibe”, “Os soños na gaiola”, “Terra Chá” e “Os lonxes do solpor”. Uxía e o Magín engaden ademais unha composición propia, que adican ao escritor da Terra Chá: “Todo me fala de ti”.
Á Casa da Cultura de Bertamiráns acudirán todas as persoas que colaboraron no disco-libro “Canta o Cuco”, agás Guillerme Fernández, no que se basea o espectáculo. Alí estarán Uxía, á voz e na percusión, Magín Blanco, voz e guitarra, Héctor Lorenzo, na guitarra e no baixo e Santi Cribeiro, co acordeón e o piano.
As entradas para este espectáculo xa están dispoñibles na Billeteira electrónica municipal, á que se pode acceder a través dun banner situado na cabeceira da páxina principal da web do Concello de Ames. Ademais poderanse mercar na mesma Casa da Cultura de Bertamiráns unha hora antes do comezo do espectáculo. O prezo xeral do billete é de 4 euros, e de 2 euros para persoas maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné.