Solapas principales

65 persoas visitaron o petróglifo do Monte Castelo da man do Concello de Ames e do colectivo A Rula

Miércoles, 20 de julio de 2016

[20-07-2016] Este sábado pasado o Concello de Ames organizou, coa colaboración do colectivo A Rula, unha ruta nocturna para visitar o petróglifo do Monte Castelo, no lugar de Ventosa. Sesenta e cinco persoas desprazáronse ata o local social de Augapesada, onde membros do colectivo lles falaron dos distintos petróglifos do territorio amesán. A continuación desprazáronse ata a laxe do Monte Castelo, onde o público seguiu atentamente as explicacións dos membros deste colectivo mentres contemplaban os gravados na rocha.


Ás 20:30 h o local social de Augapesada acolleu a explicación dos membros do colectivo A Rula, que mostraron a través dunha presentación algúns dos petróglifos distribuídos pola comarca de Santiago de Compostela, centrándose naqueles distribuídos polo concello de Ames. O público, composto por persoas de todas as idades -nenas e nenos pequenos tamén- escoitou falar do petróglifo do Monte San Marcos, do de Campo Redondo (situado preto da estación do Monte Castelo) ou do petróglifo do Pedregal, no propio Bertamiráns. Algúns petróglifos de Ames, explicaron os membros da Rula, coñécense a través de cadernos de arqueólogos galegos como Sobrino Lorenzo-Ruza, se ben o seu paradeiro é descoñecido.

Co sol xa desaparecendo no horizonte o grupo dirixiuse ata a estación de arte rupestre de Monte Castelo. O camiño fora limpado e despexado previamente a semana pasada. As labores de limpeza da área de Ventosa enmárcanse nunha colaboración entre o Concello de Ames e a Xunta de Galicia para protexer e revalorizar o patrimonio arqueolóxico amesán.

O colectivo A Rula foi o que redescubriu, o pasado ano, esta área rupestre que xa mencionara o arqueólogo Sobrino Lorenzo-Ruza, quen a visitou da man do ex-alcalde amesán durante a República Óscar Lojo-Batalla. Os membros da Rula explicaron aos e ás presentes por que a noite é o momento escollido para contemplar gravados rupestres. A luz especial que portaban revelou aos ollos do grupo os gravados que cobren a laxe de Monte Castelo; visibles cunha nitidez que non é posible acadar durante o día.

Ao longo da actividade fóronse iluminando os distintos debuxos presentes na rocha, mentres un dos membros do grupo explicaba as formas e os deseños na pedra e as súas posibles interpretacións. A excursión rematou pasada a media noite.

Contido relacionado


La Voz de Galicia:"El petroglifo de Monte Castelo recibió a sus primeros visitantes"