[10-09-2016] Este domingo, 11 de setembro, achégase ao Milladoiro o espectáculo Nono, de Pistacatro. Esta oferta cultural, gratuíta, foi promovida polo programa Cultura no Camiño da Xunta de Galicia, e cofinanciado polo Concello de Ames. A partir das 13:00 horas na praza do Agro da Madalena o clown Nono conxugará malabares, mimo e marionetas sempre acompañado polo seu compañeiro mono.
Nono é un espectáculo da produtora Pistacatro. Un clown, Nono, realiza unha viaxe a un mundo sen palabras onde os problemas se resolven sempre con humor. Un mundo onde combaterá contra mosquitos, participará en pelexas de boxeo, os monos son os seus mellores amigos e os malabares serven para cociñar. A praza do Agro da Madalena, ao carón da oficina de Correos, converterase a partir das 13:00 horas do domingo no escenario de Nono.
A través do programa Cultura no Camiños Ames acolleu catro espectáculos diferentes, todos eles gratuítos para o público e cofinanciados entre a Xunta de Galicia e o Concello de Ames. Ademais dos distintos espectáculos circenses que tiveron lugar en Bertamiráns e no Milladoiro no municipio actuaron o grupo musical de recente formación De Vacas e a cantante Sés, no Pazo da Peregrina, e o espectáculo “As fillas Bravas” de Chévere tivo a praza da Maía como escenario.
Por motivos alleos ao Concello de Ames a programación cultural debeu ser modificada e este espectáculo substituirá ao inicialmente programado para o domingo 11, Totum Revolutum.