Solapas principales

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle hoxe a obra de teatro “Os amores de Jacques O Fatalista”

Viernes, 18 de noviembre de 2016

[18-11-2016] A compañía Producións Teatrais Excéntricas representa este venres, 18 de novembro, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro a obra de teatro “Os amores de Jacques O Fatalista”. Esta peza teatral, que está incluída dentro da programación cultural de outono, comezará ás 21:00 horas. As entradas están á venda na Billeteira electrónica municipal. Tamén se poderán mercar na propia casa da cultura unha hora antes do inicio do espectáculo.

O teatro volve a Ames este venres da man de María Costas, Víctor Mosqueira, Marcos Orsi e Pili Sanz, que soben ao escenario do auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, para dar vida á adaptación feita por Quico Cadaval da coñecida obra de Denis Diderot. Nesta novela satírica do século XVIII o autor francés quixo analizar a psicoloxía do libre albedrío e do determinismo.

Mentres camiñan Jacques e os seu amo matan o tempo botando contos. Falan da vida, do amor, e din cousas das mulleres que tal vez calarían de estar algunha delas presentes. Cando chegan a unha pousada a súa dona decide sentar con eles para falar un rato. A muller fala, e fala, mentres tres homes -Jacques, o seu amo, e o marido da señora- escoitan atentamente. E na conversa, na que distintos contos e historias loitan por facerse escoitar, agroma a busca das diferencias entre a sedución e o namoramento, entre o sentimento e o instinto, a paixón e a violencia ou o insulto e a liberdade de expresión.

As entradas teñen un prezo de 5 euros, a xeral, e de 2,5 euros a reducida. Poden mercar entradas reducidas as persoas menores de 12 anos e as maiores de 65 anos, así coma os estudantes que presenten o carné. Unha hora antes do comezo do espectáculo tamén se porán á venda no despacho de billetes da Casa da Cultura do Milladoiro.