[29-11-2016] O goberno municipal de Ames solicita a implicación e participación da veciñanza amesá para elaborar o proxecto que presentará á segunda convocatoria DUSI cofinanciada con fondos FEDER.
Co obxectivo de mellorar o proxecto presentado á primeira convocatoria o goberno municipal solicita a participación da veciñanza. Para iso poden acceder a ENQUISA IMPULSA AMES onde poden opinar a través de 14 cuestións sobre o transporte público, o ámbito da mobilidade, zonas verdes, espazos de lecer, eficiencia enerxética, comercio local, etc. Dita enquisa poderase realizar ata o domingo 11 de decembro.
É necesaria a implicación de toda a cidadanía para conseguir un Ames máis humano, máis sustentable, máis respectuoso e máis xusto. A participación cidadá é necesaria para construír unha estratexia de desenvolvemento urbano sustentable e integrado para o concello, que contemple as actuacións precisas para conseguir os distintos retos económicos, sociais, demográficos, ambientais e climáticos aos que ten que facer fronte a cidade. Por iso é necesaria a opinión de todos os veciños e veciñas para que acheguen a súa valoración, ideas e propostas de actuacións para Ames.