Solapas principales

O Concello recolle dous vertedoiros incontrolados en Riamontes e Pegariños e traballa para concienciar a veciñanza da importancia de coidar o medio ambiente

Martes, 27 de diciembre de 2016

[27-12-2016] A brigada de garda medioambiental do Concello de Ames continúa recollendo os distintos puntos de vertido, que aparecen nas zonas públicas do término municipal amesán, dentro do seu plan de inspección e retirada de puntos de vertedeiros incontrolados. Esta vez o aviso foi dado polo grupo municipal Ames Novo, informando da existencia de dous puntos de lixo nas pistas forestais de Riamontes e Pegariños. O persoal da devandita brigada procedeu á recollida destes puntos de xeito manual, realizando despois unha separación adecuada para poder ser depositados no Punto Limpo para o seu posterior tratamento.

Dende a Concellaría de Medio Ambiente, que está traballando na conservación do recursos naturais e o mantemento do equilibrio ecolóxico, apélase a colaboración cidadá co fin de evitar que este tipo de condutas incívicas se repitan, e informa a todos os amesáns que abandonar residuos en lugares non autorizados, ademais de contribuír á contaminación ambiental e afear a contorna, poden supoñer sancións económicas que dependendo da gravidade poden ir dende 900 euros ata 9.000 euros.

Nesta ocasión, grazas á colaboración do grupo municipal Ames Novo, localizáronse dous novos vertedoiros incontrolados. Un deles, que conta con gran cantidade de lixo, foi achado nunha pista forestal de Riamontes, preto da Ruta da Auga e do Monte de San Marcos. O segundo tamén foi atopado nunha pista forestal do lugar de Pegariños, pertencente á parroquia de Ames. En ambos casos atopouse lixo de todo tipo de enseres e voluminosos vellos de uso doméstico como cadeiras, sofás, coxíns, etc.

A través da brigada de garda medioambiental, o Concello de Ames traballa no mantemento e na mellora das condicións ambientais do contorno amesán. Este equipo de traballo ten como obxectivo principal traballar en prol do contorno natural facendo cumprir a normativa vixente. Entre as súas funcións destaca a erradicación de vertedoiros incontrolados; o mantemento e xestión das rutas naturais do Concello; o desbroce de vexetación nos espazos naturais; a colaboración nas actividades necesarias para a prevención e detección de incendios; así como actuacións puntuais e urxentes no medio.

Punto Limpo e recollida de voluminosos
O Concello de Ames lembra que hai a disposición da veciñanza amesá un número de teléfono, o 981 191 240, para a recollida de residuos voluminosos (como mobles, cadeiras, colchóns). Neste número débese indicar o tipo de residuo que se quere tirar e establécese o punto onde se debe deixar (na maioría dos casos xunto ao colector de lixo máis próximo á vivenda) e o día no que se fará a recollida.

Ademais, Ames conta cun Punto Limpo, situado na rúa das Hedras do Polígono do Milladoiro, ata o que poden achegarse todos os cidadáns que queiran desfacerse daqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel. O centro abre de luns a venres de 10:00 h a 14:00 horas e de 16:00 h a 18:00 horas. Os sábados, o horario é de 9:00 h a 14:00 horas e de 16:00 h a 20:00 horas. O teléfono de contacto é o 981 536 688.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames elimina dos vertederos incontrolados en zona forestal"
El Correo Gallego: "O Concello de Ames limpa vertedoiros incontrolados en Riamontes e Pegariños"