Solapas principales

Preséntase o segundo Clinic para técnicos de fútbol sala, que organiza o Fútbol Club Meigas en colaboración co Concello de Ames

Miércoles, 31 de mayo de 2017

[31-05-2017] O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación do segundo clinic para técnicos de fútbol sala que organiza o Fútbol Club Meigas, en colaboración co Concello de Ames e o Centro Dental Macía. Neste acto estiveron o alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, e o coordinador do Fútbol Club Meigas, Diego Montero. Nesta iniciativa, que terá lugar o sábado 10 de xuño na Casa da Cultura e pavillón municipal do Milladoiro, impartiranse diversas charlas a cargo de Tomás de Dios, Xesús Marque e David González Piñón, ademais de levar á práctica o que se explique nos diferentes relatorios.


O Fútbol Club Meigas dálle así continuidade a un Clinic para técnicos de fútbol sala que se desenvolveu na súa primeira edición en Bertamiráns, a finais de 2015. Desta volta, a Casa da Cultura e o pavillón municipal do Milladoiro serán o escenario dunha iniciativa coa que se pretende formar os técnicos de fútbol sala e outros deportes que adestran a rapaces e rapazas das categorías de base. A inscrición neste Clinic para os técnicos dos clubs deportivos de Ames é totalmente gratuíta.

O alcalde de Ames, José Miñones, foi o encargado de abrir a presentación. O rexedor municipal explicou que “é o segundo clinic que realiza o Meigas, e ademais de moita calidade. Un clinic que, pese a estar enfocado a adestradores, fai fincapé en aspectos relacionados co cambio conceptual que experimentou o deporte na actualidade. Hoxe en día fanse adestramentos continuos, con preparación física, para rapaces de seis, sete e oito anos, onde atopamos lesións máis típicas de xente adulta. Que os clubs teñan preparadores físicos é algo moi importante e desde os Concellos temos que animar a que eses clubs conten con eles e que os adestradores se vaian profesionalizando nese sentido”.

Segundo explicou o coordinador do Fútbol Club Meigas, Diego Montero, “unha das novidades que imos ter nesta segunda edición é o feito de realizar unha parte práctica, sobre todo porque ao final o que buscan os monitores é o aspecto visual. Utilizaremos ás rapazas do Meigas para que se vexa como se pode traballar nos diferentes niveis e analizar, por exemplo, como podemos coller unha tarefa moi complicada e simplificala para que chegue ao nivel dos rapaces e rapazas”.

Programa do Clinic
Tomás de Dios, ex adestrador do Santiago Futsal, Burela ou da selección de Guatemala, abrirá a xornada coa charla Deseño de tarefas para a categoría alevín, ás 10:00 horas. A segunda charla teórica, ás 11:00 horas, correrá a cargo de Xesús Marque, médico especialista en deporte vinculado na actualidade ao Santiago Futsal, baixo o título Intervención médica no deporte de base. A xornada de mañá rematará co relatorio Metodoloxía para o desenvolvemento das cualidades físicas básicas en categoría base aplicadas ao Fútbol Sala, ás 12:00 horas, a cargo de David González Piñón, actual preparador físico da selección española de fútbol sala en categorías masculina e feminina, e profesor no curso de adestradores da Federación Galega de Fútbol Sala. Pola tarde, David G. Piñón, ás 15:00 horas, e Tomás de Dios, ás 16:00 horas, levarán á práctica os seus relatorios da mañá.

Para obter máis información e tramitar as inscricións pódese chamar ao teléfono 670 518 120 ou enviar un correo ao enderezo fcmeigas@gmail.com. O prezo de inscrición é de 15 euros, con posibilidade de redución para grupos (máis de tres persoas). Os monitores do Santiago Futsal pagarán 10 euros e os empadroados en Ames e monitores de equipos do Concello de Ames poderán acudir ao evento de forma gratuíta.