Solapas principales

Apróbase o plan estratéxico de subvencións que recolle 653.000 euros para o exercicio 2017

Viernes, 02 de junio de 2017

[02-06-2017] O goberno municipal aprobou no pleno do pasado luns, 29 de maio, co apoio dos concelleiros e concelleiras do grupo municipal de Ames Novo o plan estratéxico de subvencións para o exercicio 2017, 2018 e 2019. Os edís do grupo municipal popular, Pacto por Ames e do concelleiro non adscrito, Javier López, abstivéronse. Para este plan habilitouse dentro do orzamento unha partida de 653.018,55 euros, que supón un incremento de 263.245 euros (un 68%) respecto ao exercicio 2016. Ademais, recóllense novas liñas de axudas como son a da renda social municipal; para eventos comerciais e de promoción ao comercio; para actividades de promoción social; e para a mellora de infravivenda e da accesibilidade.

O goberno municipal, co apoio de Ames Novo, aprobou o plan estratéxico de subvencións de 2017, 2018 e 2019, que recollerá os obxectivos e os efectos que se pretenden coa aplicación e dito plan, o prazo necesario para a súa consecución, os custes previsibles, e as súas fontes de financiamento. Conforme á lexislación vixente era preciso aprobar dito plan. A través da aprobación deste plan establécese un calendario de subvencións polo que se vai a rexer o Concello os anos 2017, 2018 e 2019. Este plan ten un carácter estratéxico e programático. Estas axudas quedarán supeditadas a criterios obxectivos, que se reflectirán nas bases que se publicarán.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, destacou que “por primeira vez no Concello de Ames elaborouse e aprobouse o Plan Estratéxico de Subvencións para o 2017-2018-2019 dando cumprimento a unha obriga que xa existía desde o 2003 e que está recollida no artigo 8.1 da Lei Xeral de Subvencións do 38/2003, de 17 de novembro. O goberno segue a traballar día a día mellorando a xestión, ampliando as axudas ás distintas entidades e cumprindo coas leis, así como regularizando situacións irregulares ás que os gobernos anteriores non deron resposta”.

Para este plan habilitouse dentro do orzamento unha partida e 653.018,55 euros, que supón un incremento de 263.245 euros (un 68%) respecto ao exercicio 2016. Ademais, recóllense novas liñas de axudas como son a da renda social municipal, que conta cun orzamento de 121.375 euros (increméntase en 91.375 a contía para esta axuda); para eventos comerciais e de promoción ao comercio que dispón de 30.000 euros; para actividades de promoción social con 40.531,73 euros (increméntase en 28.531 euros á contía destinada a entidades sociais); e para a mellora de infravivenda e da accesibilidade cunha partida de 40.000 euros.

Incremento das partidas de varias liñas de axudas
Ademais, increméntase respecto ao 2016 a partida doutras liñas de subvención como a dirixidas á ANPAS (6.500 euros máis); para as entidades deportivas (25.000 euros máis o que significa un 50% de incremento); para o fomento do comercio local (15.000 euros); e para os concurso de premios de escaparatismo e para un concurso de ideas, así como para a Gala de emprendedores ao que se dedica unha partida de 14.700 euros. Os dous últimos proxectos son de nova creación. Tamén se incrementa a dotación orzamentaria en 1.000 euros para os premios dos concursos de Cartas de Reis, Teatro Lido, Certame artístico-literario Intercentros, festival folk, premio Blanco Amor e para a festa do Entroido.

O alcalde de Ames, José Miñones, explicou que “o plan estratéxico de subvencións de 2017 conta cunha partida dentro dos orzamentos de 653.000 euros. Incrementouse a partida en varias subvencións e tamén se crean novas axudas como son a da renda social municipal, a de eventos comerciais e de promoción ao comercio, para actividades de promoción social e de infravivenda e accesibilidade. O incremento destas subvención figuraba nos programas electorais dos grupos que están no goberno e nalgún dos grupos da oposición, polo que se dá cumprimento a esa proposta, e incluso se incrementan as contías que figuraban nos devanditos programas”.

Por último, cómpre salientar que se eliminaron as subvencións nominativas ás entidades Cáritas e Arcea Adames, que poderán concorrer as liñas de subvencións que se van a publicar, mentres que se lle van outorgar subvencións directas ao Bertamiráns FC (25.719 euros), ao Milladoiro SD (12.940 euros) e a Asociación solidariedade galega co pobo saharauí (6.298,82 euros). A concesión destas axudas aos devanditos clubs acordouse nunha xuntanza co resto de entidades deportivas, para evitar que leven a maior parte dos recursos das axudas deportivas por ser as que máis rapaces e rapazas teñen nas súas categorías inferiores.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Medra un 68 por cento a partida para subvencións nos orzamentos amesáns"
La Voz de Galicia: "Las subvenciones para la renta social y los colectivos de Ames crecen un 68 %"