Solapas principales

O goberno municipal presenta as bases orientadoras para a contratación de publicidade institucional do Concello de Ames

Viernes, 28 de julio de 2017

[28-07-2017] O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación das bases orientadoras para a contratación de publicidade institucional do Concello de Ames. Trátase dunha iniciativa pioneira do goberno municipal para regular o investimento municipal neste eido. A presentación desta iniciativa correu a cargo do alcalde de Ames, José Miñones, da concelleira de Comunicación, Isabel Vaquero, e da concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero. Tamén acudiron Xaime Leiro, en representación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, e Xurxo Salgado da Asociación de Medios en Galego. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as devanditas bases.

O alcalde de Ames, José Miñones, indicou que “dende o goberno municipal queremos dispor dunha regulación clara e obxectiva para a contratación de publicidade, pero principalmente dotar de transparencia os procesos de contratación cos medios de comunicación, que é algo que se recolleu no acordo de investidura e que levamos a cabo coa implantación do portal da transparencia. Ademais, queremos ir un pouco mais alá coa elaboración desta bases que foron aprobadas na Xunta de Goberno Local de hoxe”.

Estas bases establecen os criterios e mecanismos que rexen a contratación de publicidade institucional do Concello de Ames, de acordo coa Lei 29/2005, do 29 de decembro, de publicidade e comunicación institucional. Entenderase por publicidade institucional todo anuncio, aviso ou información de interese para a poboación, publicada en medios de comunicación, en calquera soporte, orixinada, promovida ou contratada polo Concello de Ames, co propósito de dar a coñecer á veciñanza mensaxes institucionais referidas a campañas de sensibilización e/ou á promoción de servizos, programas e plans de políticas públicas, así como dos actos do goberno que deles deriven, garantindo sempre o dereito á información da veciñanza e o pleno exercicio da cidadanía.

Exclúense da aplicación destas bases os anuncios de carácter administrativo que, polas súas características, só poidan inserirse en medios escritos ou audiovisual de carácter diario e mailos anuncios que veñan derivados de obrigas que deban cumprir persoas ou entidades subvencionadas, patrocinadas, contratistas ou concesionarias do concello, e aqueles onde a publicidade do concello fora requisito esixido nas axudas, convenios ou contratos.

Obxectivo das bases para a contratación de publicidade
A concelleira de Comunicación, Isabel Vaquero, explicou que “estas son unhas bases para orientar o que é a adquisición dos espazos publicitarios institucionais no que son os diferentes medios de comunicación. Inspirámonos na lei de publicidade institucional do ano 2005 e modificada posteriormente en 2014. Estas bases teñen catro obxectos principalmente que son regular a contratación da publicidade institucional municipal, dotar de transparencia e permitir a fiscalización das relacións entre o concello e os medios de comunicación en materia de publicidade institucional, garantir a utilidade pública e a racionalidade na distribución da publicidade oficial, e contribuír á consolidación dun espazo de comunicación plural”.

As devanditas bases están estruturadas en tres partes. Na primeira recóllese a definición que está baseada na lei de publicidade, na segunda parte recóllese o procedemento que se vai a seguir cando se trate de contratos menores de publicidade, e na terceira é última parte recóllense os criterios que se van a ter en conta para contratar a publicidade como son a difusión e audiencia (máximo 5 puntos), as condicións do medio (máximo 4 puntos), contidos en galego (máximo 7 puntos), responsabilidade social (máximo 5 puntos), e tarifas (máximo 15 puntos).

Vaquero tamén dixo “cremos que se trata dunha actuación absolutamente novidosa xa que hai contratos e pregos para grandes contratos de publicidade, pero no que se refire a contratos menores e a criterios como estes non vin nada semellante. Debo dicir que nos inspiramos nunha proposta que fixo Compromís para o Concello de Alacant pero que entendo que non foi aprobada. Teño que resaltar que o que se busca dende o goberno municipal é transparencia, obxectividade, pluralidade e influír na medida do posible nos medios para que se son bos sexan aínda mellores para Ames e para o país”.

Estas bases foron enviadas aos medios cos que o Concello de Ames traballa habitualmente e que están máis próximos ao propio concello, para que puideran facer as súas achegas nun prazo de 15 días. Durante o mes de agosto os medios poderán comezar a presentar por Rexistro a documentación que se lle require nesta bases, para posteriormente poder optar ás campañas que se publiquen por parte do Concello.

“Como é algo novidoso, trátase dun experimento que co paso do tempo veremos como funciona, e dende logo, estamos dispostos a mellorar todo aquilo que sexa posible. Quero dar as grazas ao Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e á Asociación de Medios en Galego. Tamén teño que agradecer a Xosé Manuel Pereiro e a Fernando de Paz o asesoramento e o apoio que nos ofreceron neste proceso”, apuntou a concelleira de Comunicación.

Criterios obxectivos para que todos os medios
A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, destacou que “estas bases son un xeito de ampliar a pluralidade e dar cabida tanto aos grandes medios galegos como aos medios de ámbito comarcal e local”. Ademais Genma Otero ofreceu os datos de gasto en publicidade e propaganda dos tres últimos anos. Así en 2014 gastáronse 34.000 euros, en 2015 o gasto feito neste eido foi de 36.500 euros, mentres que en 2016 gastáronse 31.700 euros. “De cara ao ano 2017 non queixemos establecer esta partida ata ter estas bases reguladas. Quixemos dispor dunhas bases transparentes e uns criterios obxectivos para que todos os medios que opten a unha campaña publicitaria saiban en base a que se vai a valorar a súa proposta”, dixo Genma Otero.

Xaime Leiro, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, destacou “a posta en marcha desta iniciativa xa que dende o Colexio de Xornalistas levamos varios anos intentando organizar unhas xornadas para abordar este asunto pero que non se acaban de concretar”. Ademais aplaudiu “a invitación feita ao Colexio de Xornalista para participar na elaboración desta bases xa que normalmente o Concellos de tamaño similar a Ames non se soen acordar de nós”. Por último, Xaime Leiro dixo que “aproveitaremos este modelo de bases que seguramente se tratará de exportar a outros concellos galegos”.

A quenda de intervención pechouna Xurxo Salgado, da Asociación de Medios en Galego, que destacou “a transparencia, os valores democráticos, o acceso libre do cidadán á información e que se teña en conta o uso do galego como os puntos máis salientables destas bases. Para min este é un paso moi grande o que destes neste Concello e agardo que serva de base para que no futuro outras Administracións traballen nesta mesma liña”.


Contido relacionado


Colexio de Xornalistas: "O Colexio de Xornalistas saúda a decisión do Concello de Ames de regular a publicidade institucional"
Galicia Confidencial: "Ames é o primeiro concello en regular o diñeiro que inviste nos medios de comunicación"
Sermos Galiza: "O galego suma puntos na contratación de publicidade do Concello de Ames"
Nós Televisión: "Ames aposta pola transparencia na súa publicidade institucional"
El Correo Gallego: "El gobierno amiense presentó las bases para contratar publicidad"
Praza Pública: "Ames aproba unhas pioneiras bases para regular a publicidade institucional do Concello"