Solapas principales

Éxito de participación no XII Festival de Maxia de Ames que se celebrou esta fin de semana no Milladoiro

Martes, 31 de octubre de 2017

[31-10-2017] A décimo segunda edición do Festival de Maxia de Ames desenvolveuse esta fin de semana na Casa da Cultura do Milladoiro. O Festival gozou, un ano máis, dun grande éxito de participación. Os tres pases da Gala Máxica Internacional, que ficaron rapidamente coas entradas esgotadas, xuntaron no total preto de 450 persoas. Os obradoiros, pola súa banda, tamén estiveron ao completo, cunha cincuentena de rapazas e rapaces participantes. Nesta edición, como novidade, o festival incluíu un espectáculo de maxia infantil para crianzas dos 0 aos 3 anos, con 39 persoas participantes, e outro destinado a nenas e nenos entre os 3 e os 6, que contou con 77 asistentes. O Festival de Maxia estivo organizado polo Concello de Ames, en colaboración coa Deputación da Coruña e da Axencia Galega das Industrias Culturais. Abarajar Producciones foi a empresa responsable do desenvolvemento do Festival.

O pasado venres, 27 de outubro, o Festival de Maxia de Ames inaugurábase cunha novidade desta décimo segunda edición: a celebración de dous espectáculos de maxia infantil. O primeiro deles tivo lugar ás 17:00h e estivo destinado a crianzas entre os 0 e os 3 anos. Nel participaron preto de 40 persoas. O segundo destes espectáculos desenvolveuse ás 18:30h, estivo dirixido a nenas e nenos de entre os 3 e os 6 anos e xuntou 77 participantes. As dúas exhibicións correron a cargo do mago Linaje. Alén diso, as máis pequenas e pequenos de Ames tiveron a oportunidade de gozar da maxia ao longo de toda semana, coa celebración dalgúns espectáculos de pequeno formato nos centros de ensino do concello.

A programación do XII Festival de Maxia de Ames tamén incluíu a realización de dous obradoiros de maxia, dirixidos a rapazas e rapaces entre os 8 e os 14 anos. Os magos Roberto Lolo e Pedro Bugarín foron os responsables destes obradoiros, que sumaron 26 participantes o sábado e 24 o domingo. 

A actividade estrela do Festival foi un ano máis a Gala Máxica Internacional, da que se celebraron tres pases: dous o sábado e un o domingo. Os pases do sábado producíronse ás 17:30h e ás 20:30 horas. A función do domingo, pola súa banda, tivo lugar ás 18:30 horas. A Gala, á que acudiron un total de 450 persoas (150 por pase), contou coa participación dos magos Román García, Linaje, Kiko Pastur, Martín Varela e do dúo Kybalion. O XII Festival de Maxia estivo organizado polo Concello de Ames, en colaboración coa Deputación da Coruña e da Axencia Galega das Industrias Culturais. O Concelleiro de Cultura e Educación, David Santomil, expresou o seu agradecemento ás persoas asistentes: “Dende a Concellaría de Educación e Cultura agradecemos a elevada participación de público nesta edición e alegrámonos de que a xente se divertira nos diferentes espectáculos”.