Solapas principales

Ames acolle este sábado a celebración do partido de fútbol solidario “Que ninguén quede en fóra de xogo”

Viernes, 29 de diciembre de 2017

[29-12-2017] O campo municipal de fútbol do Milladoiro acollerá este sábado, 30 de decembro, a cuarta edición do partido solidario “Que ninguén quede en fóra de xogo”. O evento, que está organizado pola S.D Milladoiro en colaboración co Concello de Ames, destinará os fondos recadados á Fundación Andrea de apoio a crianzas con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais. Alén do partido entre famosos, tamén haberá, a partir das 17:00 horas, inchables, postos de comida, música, exhibicións, agasallos e un sorte de camisetas de distintos equipos de fútbol. Cada entrada ten un custo de 2 euros. Ata o momento, foron vendidas máis de 200 entradas.


A Fundación Andrea de apoio a nenas e nenos con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais será a entidade á que se destinarán os fondos recadados nesta cuarta edición do partido de fútbol solidario “Que ninguén quede en fóra de xogo”, que se celebrará este sábado, 30 de decembro, no campo municipal de fútbol do Milladoiro. Organizado pola Sociedade Deportiva Milladoiro en colaboración co Concello de Ames, o evento conta, así mesmo, coa participación de Amizar Agility, Artes Gráficas Alonso, Jisma, Real Federación Galega de Fútbol e Domino’s Pizza. O prezo por entrada é de 2 euros. Ata o de agora, preto de 200 persoas xa adquiriron a súa.

O programa de actividades comezará, ás 17:20 horas, cunha exhibición de boxeo, na que colaborarán os clubs Abuelo Box e Planas. Moncho Mirás, o tres veces campión de España e aspirante ao título Europeo de peso mosca, será o protagonista desta actividade. Posteriormente, ás 18:00h, realizarase unha exhibición de Agility da man do club canino Amizar, seguida dunha demostración de xogos de maxia a cargo do Mago Romarís, a partir das 18:45h. 

Ás 19:00 horas chegará o acto principal da tarde, un partido entre famosos, no que participarán políticos, actores, cantantes e ex-futbolistas. Está confirmada a participación de políticos do goberno e da corporación municipal de Ames como o alcalde, José Miñones, o concelleiro de Urbanismo e Obras, Blas García, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, e o voceiro de Pacto por Ames, Ramón García Argibay. No partido tamén participarán os actores Pepe Suevos, Federico Pérez e Xosé Antonio Touriñán; así como os xornalistas Roberto Carlos Carballo, Diego Viaño, Terio Carrera, Calos Macía e Ramón Castro.

Ademais, o partido tamén contará coa participación de futbolistas de diferentes clubs galegos como é o caso de Ángel Lekumberri, Milorad Ratković, Fran Cainzos, Vicente Celeiro, Joselu, Carlos Padín, Juampa Barros, Pablo Coira, Manuel Castiñeiras, Nacho, Fabiano , Juan Cabrejo e Javier Bellido. Do mesmo xeito, tamén sairán ao campo o actual adestrador do Santiago Fútsal, Santi Valladares, o ex-árbitro, Raúl García de Loza, o ex-ciclista, Ezequiel Mosquera, o presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, o vocalista de Heredeiros da Crus, Javi Maneiro, Erin do grupo Comando Katana, e o propietario do histórico asador Gonzaba, Fredi.

No descanso do partido de famosos, arredor das 19:45 horas, farase un sorteo de agasallos, no que estarán incluídas unhas botas de fútbol sala de David Pazos, actual xogador do Palma Futsal, ex-xogador do Santiago Futsal e campión de Europa con Inter Movistar. No sorteo tamén se repartirán unha camiseta asinada polo xogador do Atlético de Madrid, Fenando Torres, unha camiseta do Real Club Deportivo da Coruña, camisetas da selección galega de fútbol, camisetas da selección española de rugby, e tres pósters e un CD do ultimo éxito en solitario de Javi Maneiro "Furtivos", que llos asinará ás agraciadas e agraciados. Unha vez remate o partido haberá un sorpresa e ao final do evento, ás 21:15 horas, haberá un concerto de rap coa actuación de Erin, de Comando Katana, Soed y Pablotr3s.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Avalancha solidaria desde Ames a beneficio de la Fundación Andrea"