Solapas principales

O próximo luns abre o prazo de inscrición para o curso de inglés organizado pola OMIX English Today!!

Viernes, 16 de febrero de 2018

[16-02-2018] A Concellaría de Mocidade, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), oferta un novo curso de inglés orientado ao seu uso cotiá no día a día. O curso English Today!! impartirase entre o 5 de marzo e o 21 de xuño, os luns e os mércores na Casa da Cultura do Milladoiro, e os martes e os xoves na Casa da Cultura de Bertamiráns. As aulas terán unha duración de hora e media, desenvolvéndose de 20:00h a 21:30 horas. Dirixido a persoas maiores de 16 anos, o curso conta con prazas limitadas que se irán cubrindo por rigorosa orde de inscrición. O prazo para presentar as solicitudes remata o vindeiro 27 de febreiro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e a ficha de inscrición.


A Concellaría de Mocidade continúa coa súa aposta pola formación das mozas e mozos do concello en linguas, coa organización dun novo curso de inglés, o English Today!! O curso, que se encadra dentro do programa de formación xuvenil Lidera 2018 da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), consistirá nunha aprendizaxe práctica do inglés para o día día, que terá como finalidade que as persoas asistentes consigan comunicarse e comprender o inglés, de maneira que poidan empregalo en contextos e situacións cotiás como unha entrevista de traballo, unha viaxe ou unha consulta médica.

O curso realizarase entre o 5 de marzo e o 21 de xuño. Cada aula terá unha duración de 90 minutos diarios, desenvolvéndose en horario de 20:00h a 21:30 horas. As clases impartiranse nas Casas da Cultura do Milladoiro (os luns e os mércores) e Bertamiráns (os martes e os xoves). O número máximo de alumnos será de dez por curso, para poder obter o máximo rendemento de cada aula. A metodoloxía que se empregará será eminentemente práctica.

Para inscribirse neste curso, as persoas interesadas deberán estar empadroadas no Concello de Ames e ter máis de 16 anos. Así mesmo, terán preferencia á hora de cubrir as prazas as mozas e mozos que se atopen entre os 16 e os 30 anos. Para un bo desenvolvemento do curso, será importante que as persoas inscritas teñan uns coñecementos mínimos de inglés (nivel ESO ou equivalente), para poder conseguir o máximo aproveitamento. Para iniciar a formación, o curso deberá contar cun mínimo de seis persoas inscritas en cada aula. En caso de non cumprirse este requisito, o Concello de Ames poderá anular a actividade. 

Tramitación das inscricións
Para realizar a inscrición será necesario enviala, debidamente cumprimentada, ao enderezo de correo electrónico omix@concellodeames.gal ou entregala persoalmente na propia Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) xunto cunha fotocopia do DNI. As prazas iranse cubrindo por rigorosa orde de chegada. A solicitude de inscrición estará dispoñible na OMIX (Casa do Concello en Bertamiráns luns, mércores e xoves, e Casa da Cultura no Milladoiro martes e venres) e no apartado de descargas desta nova. O prazo de inscrición remata o vindeiro 27 de febreiro. Para obter máis información, as persoas interesadas poden poñerse en contacto coa OMIX de Ames a través do teléfono 616083229 ou do correo electrónico omix@concellodeames.gal.


Contido relacionado


Lindeiros: "Este luns abre o prazo para o curso English Today!! en Ames"
Compostela 24 horas: "Comienza el plazo para apuntarse al curso de inglés de Ames"