Solapas principales

A Policía Local fai balance das actuacións realizadas no mes de abril

Viernes, 18 de mayo de 2018

[18-05-2018] As actuacións ligadas ao control e vixilancia do tráfico volveron centrar novamente as accións levadas a cabo pola Policía Local. Así mesmo, ao longo do mes de abril, a Policía Local de Ames tamén tivo que intervir en discusións e altercados, así como na xestión dun incendio, dun falecemento e dun accidente laboral. O 15 de abril, a Policía Local puxo en marcha un dispositivo especial, no que tamén colaborou a agrupación de Protección Civil de Ames, para a regulación do tráfico e da seguridade nos diversos tramos polos que transcorreu a proba deportiva Transgalaica.

O 1 de abril, a Policía Local de Ames recibiu unha chamada por parte dun condutor que tiña observado un vehículo abandonado no medio dunha leira, na estrada que une Brión e Sandar, en Agrón. Trasladada unha patrulla ao lugar, comprobouse que o coche quedara enterrado ao estar realizando trompos. A patrulla procedeu á identificación da persoa propietaria do vehículo.

O día 7, a Policía Local volveu recibir unha nova chamada por parte do servizo do 112, na quenda de noite, alertando sobre a presenza sospeitosa duns individuos que estaban a entrar e saír constantemente dun establemente da rúa Poeta da Mahía, en Bertamiráns. Unha vez trasladada unha patrulla ao lugar dos feitos, as persoas implicadas emprenderon a fuxida rapidamente cara Brión. Cando, finalmente, se conseguiu localizar e identificar ao condutor, os axentes comprobaron que tiña temporalmente suspendido o permiso de condución. Nese momento, informóuselle dos delitos que se lle imputaban e instruíronse as correspondentes dilixencias.

No día a seguir, tamén na quenda de noite, a Policía Local paralizou un vehículo cuxo condutor semellaba atoparse baixo os efectos do alcohol, o que posteriormente se comprobou ao realizar a proba de alcoholemia. Os axentes instruíron as correspondentes dilixencias, remitíndoas ao xulgado de instrución en servizo de garda e citando á persoa implicada para xuízo rápido. Os feitos sucedéronse durante a realización das tarefas de control e disciplina do tráfico na zona de Bertamiráns.

O 12 de abril, durante a realización dun control de tráfico en colaboración coa Garda Civil do Milladoiro, a Policía Local detectou a presenza dun condutor que circulaba sen permiso de condución. Unha vez comprobado o estado alcoholizado do condutor, os axentes de garda instruíron as correspondentes dilixencias, remitíndoas ao xulgado e citando á persoa para xuízo rápido.

O día 13, os axentes da Policía Local de Ames recibiron un aviso dunha saída de vía en Biduído de Arriba. Trasladados ao lugar dos feitos, os axentes colaboraron na evacuación das persoas feridas e regularon o tráfico ata a chegada do equipo de Atestados da Garda Civil. Esa mesma noite, a Policía Local realizou varios controis de detección alcohólica e de drogas en diferentes puntos de Bertamiráns. Os controis arroxaron un resultado final de tres alcoholemias positivas coas súas correspondentes denuncias administrativas, ao non alcanzar estas o límite de denuncia penal.

O 14 de abril, na quenda de noite, a Policía Local recibiu unha chamada dun veciño de Bertamiráns, alertándoa sobre un accidente de tráfico na rúa Alcalde Lorenzo. Desprazados inmediatamente ao lugar dos feitos, os axentes prestaron auxilio ao ferido, que foi trasladado en ambulancia ao hospital, e realizaron as correspondentes dilixencias tendo en conta o relatado polas testemuñas e os indicios presentes no lugar. O 14 pola noite, os axentes da Policía Local tamén realizaron tarefas de control e vixilancia do tráfico, identificando un condutor baixo os efectos do alcohol. Após a realización da proba de alcoholemia, que arroxou un resultado positivo, os axentes instruíron as dilixencias, remitíronas ao xulgado de garda e citaron ao condutor para xuízo rápido.

O día 15, a Policía Local desenvolveu un dispositivo especial no que colaborou a agrupación de Protección Civil de Ames, co obxectivo de regular o tráfico nos diferentes tramos polo que transcorreu a proba, garantindo a seguridade das persoas participantes e do público.

O 18 de abril pola tarde produciuse un accidente de circulación na estrada AC 453, á altura de Augapesada, con varias persoas feridas. A Policía Local presentouse de inmediato no lugar do accidente, asistindo ás feridas ata o seu traslado ao hospital e regulando o tráfico ata a retirada dos vehículos implicados. Uns días despois, o 21 de abril, axentes da Policía Local identificaron, en Castiñeiro do Lobo, un vehículo cuxo condutor non contaba co carné de conducir vixente. Neste caso instruíronse, unha vez máis, as dilixencias correspondentes iniciando o proceso xudicial.

Finalmente, o día 28, na quenda de noite, durante a realización dun novo control de vixilancia do tráfico detectouse un condutor que se atopaba baixo os efectos do alcohol. Despois de realizar a proba de alcoholemia, que deu resultado positivo, adoptáronse as medidas correspondentes.

Outras actuacións: un incendio, un accidente laboral e un falecemento
O día 1 de abril, a Policía Local tivo que actuar debido á existencia dun incendio nun establecemento comercial do Milladoiro. Posteriormente, o día 6, durante a quenda de noite, os axentes da Policía Local detectaron a un grupo de persoas portando bebidas alcohólicas nas proximidades do pazo da Peregrina. Ao longo da noite sucedéronse diferentes incidencias coas mesmas, acabando por seren identificadas por parte dos axentes.

Anteriormente, na quenda da tarde do mesmo día 6, a Policía Local tivo que intervir nun accidente laboral ocorrido na Avenida Rosalía de Castro do Milladoiro. No lugar onde tivo lugar o accidente, os axentes procederon á identificación da persoa ferida, á investigación das causas e ao traslado da persoa afectada para a realización dun recoñecemento médico. Un día despois, o día 7, os axentes volveron recibir unha alerta acerca dun ciclista que estaba a sufrir un paro cardiorrespiratorio nunha pista forestal en Tapia. Xa no lugar dos feitos, os axentes colaboraron cos efectivos médicos alí presentes, trasladándoos ata o lugar no que se atopaba o afectado, xa que debido á dificultade do terreo a ambulancia non conseguía pasar. Este mesmo día, a Policía Local tivo que actuar no campo de fútbol de Bertamiráns por causa dos enfrontamentos existentes entre unha parte do público.

Así mesmo, ao longo do mes de abril, nomeadamente o día 17, a Policía Local tivo que intervir nun posible caso de estafa vinculado ao prezo da tarifa eléctrica. Este día, a veciñanza alertou aos axentes debido á presenza de dous individuos, que estaban a solicitar datos persoais ás persoas residentes no edificio. Unha vez alí, os axentes identificaron aos individuos aumentando, nos días a seguir, a vixilancia policial na zona.

O día 25, os axentes da Policía Local volveron actuar debido á comisión dun roubo na zona de Loureiros. Nesta ocasión, a realización das pescudas correspondeulle á Garda Civil do Milladoiro. Por último, o día 27, unha patrulla da Policía Local tivo que mediar nunha disputa acontecida na rúa entre dúas parellas. Durante o mes de abril, os axentes da Policía Local tamén deberon intervir perante o falecemento dunha persoa no Milladoiro.

Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "La Policía Local hace balance de las actuaciones realizadas en el mes de abril"