Solapas principales

Abre o prazo para inscribirse no programa de saúde “Sanauga”

Lunes, 17 de septiembre de 2018

[17-09-2018] O programa “Sanauga” abre este luns, 17 de setembro, o prazo de inscrición para o curso 2018-2019. Este programa de actividades acuáticas, posto en marcha polas concellarías de Benestar Social e Voluntariado, a través da Oficina de Voluntariado (OVA), e cofinanciado pola Deputación da Coruña, está dirixido a persoas maiores e persoas con discapacidade. Os interesados poden inscribirse e obter máis información no teléfono 662 377 044.

Un ano máis, as concellarías de Benestar Social e Voluntariado, a través da Oficina de Voluntariado (OVA), poñen en marcha unha nova edición do programa “Sanauga”, coa finalidade de mellorar a mobilidade e o benestar físico das persoas maiores de sesenta anos e/ou persoas que teñan algún tipo de discapacidade. Así, o curso vai encamiñado a mitigar enfermidades como a artrite e as dores derivadas de diversas doenzas musculares e óseas a través da ximnasia acuática.

Para poder participar nesta actividade, cuxas prazas se adxudicarán por rigorosa orde de inscrición, non é preciso saber nadar, posto que as dinámicas consisten na realización na auga de exercicios que habitualmente se fan en terra. O que se pretende con esta metodoloxía é unha aproximación ao medio acuático desde a motricidade cotiá das persoas, facilitando os movementos e a exercitación dos músculos. Realízanse na auga movementos habituais cos que a persoa maior está familiarizada, como pode ser andar, mobilidade de segmentos corporais, empurrar materiais, etc.

O programa desenvólvese na piscina do Centro deportivo A Telleira, situada en Bertamiráns. A actividade, que se imparte polas mañás, repártese en tres quendas. Os luns e mércores en horario de 9:15 a 10:00 horas (un grupo) e de 10:45 a 11:30 horas (dous grupos); e os martes e xoves de 11:30 a 12:15 horas (un grupo). Cada grupo está composto por 14 persoas.

Para a concelleira de Voluntariado, Isabel González Cancela, “Sanauga é unha actividade imprescindible que xa forma parte da axenda dos maiores de Ames, como amosa a elevada participación que ten ano tras ano. Os nosos maiores saben dos beneficios que reportan as actividades na auga, xa non só para tratar as doenzas propias da idade, senón para previr algunhas outras que se poidan ter”.



Contido relacionado


Lindeiros: "Abre o prazo para inscribirse no programa Sanauga de Ames"
Compostela 24 horas: "Abre o prazo para inscribirse no programa de saúde “Sanauga”"