Solapas principales

Este mércores, 26 de setembro, celébrase unha nova charla do programa “Falemos de saúde” centrada na diabetes de tipo II

Martes, 25 de septiembre de 2018

[25-09-2018] Este mércores, 26 de setembro, realizarase unha nova charla do programa municipal “Falemos de Saúde”, que nesta ocasión xirará en torno á diabetes de tipo II. Ao longo do obradoiro, que terá lugar no local de JUPEMI do Milladoiro ás 17.30 horas, afondarase nesta enfermidade, tratando cuestións como o porqué se produce, os seus síntomas ou como previla. A persoa encargada de impartila será o enfermeiro Ubaldo Fernández Varela.

Ao abeiro da nova edición do programa “Falemos de Saúde”, inaugurada o pasado 9 de maio cunha charla centrada no exercicio físico durante a terceira idade, o local de persoas xubiladas JUPEMI no Milladoiro acolle unha nova sesión este mércores, 26 de setembro. Esta nova charla, que comezará ás 17.30 horas e será impartida polo enfermeiro Ubaldo Fernández Varela, xirará en torno á diabetes de tipo II.

Así, a charla-obradoiro comezará por precisar que é a diabetes de tipo II e porqué se produce para, de seguido, afondar na incidencia que ten na saúde do doente e enumerar os síntomas para recoñecela. Por último, incidirase na forma de previla, as súas complicacións e os cuidados necesarios que os doentes deben adoptar.

Sete charlas-obradoiros máis ata finais de ano
Esta edición do programa “Falemos de saúde”, organizado polo Concello de Ames en colaboración coa Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC), constou, dende o seu inicio, de 10 charlas-obradoiros que xiran en torno á saúde, tanto física como emocional.

Deste xeito, o programa inaugurouse o pasado 9 de maio coa celebración dunha charla centrada no exercicio físico na terceira idade, á que seguiu unha nova sesión, o día 30, na que se abordou a sobrecarga das persoas coidadoras, e outra o 13 de xuño, sobre a alimentación saudable como un estilo de vida.

Asemade, despois de un pequeno parón estival, retómase o programa con esta charla do 26 de setembro, centrada nesta ocasión na diabetes, na súa prevención e nos seus coidados. Xa en outubro, o día 10, realizarase unha quinta palestra na que se tratará a prevención de determinados problemas de memoria. O tema protagonista da seguinte charla, que terá lugar o día 24, será a saúde mental, nomeadamente a xestión das emocións e do dolo.

No mes de novembro, celebraranse tres charlas máis dentro do programa “Falemos de Saúde”. O día 7, a palestra abordará a sexualidade na madurez; mentres que a charla do 21 de novembro tratará acerca das dores musculares. O día 28, a palestra estará centrada no solo pélvico e nas súas problemáticas. Por último, o 12 de decembro, a última das charlas desta nova edición do “Falemos de Saúde” analizará a correcta administración de fármacos e a organización do tratamento.

Contido relacionado


Lindeiros: "Charla sobre diabetes no ciclo Falemos de saúde de Ames"
Compostela 24 horas: ""Falemos de saúde" tratará a diabetes tipo II"