Solapas principales

Organizase unha nova andaina saudable este xoves no Milladoiro

Miércoles, 14 de noviembre de 2018

[14-11-2018] Este xoves, 15 de novembro, celebrarase unha nova andaina saudable con saída e chegada ao centro de saúde do Milladoiro ás 17.00 horas. Esta actividade, ao igual que o resto de andainas encadradas dentro do programa, trátase dunha ruta de dificultade media–baixa, que terá unha duración aproximada dunha hora ou hora e media.

Dende o pasado mes de xuño, o Concello de Ames, a través da Concellería de Sanidade, está a realizar unha serie de 7 rutas urbanas circulares con saída e chegada ao centro de saúde do Milladoiro, encadradas nun programa de andainas saudables.

Dentro desta iniciativa, posta en marcha en coordinación co centro de saúde do Milladoiro, encádrase a nova andaina que se realizará este xoves, 15 de novembro. Ao igual que as anteriores, será de 4,5 km de distancia, terá unha trazado circular e unha dificultade media-baixa, e partirá ás 17:00 horas dende o centro médico de dita localidade. O percorrido terá unha duración aproximada dunha hora ou hora e media.

Ao igual que as dúas anteriores andainas, a actividade estará supervisada por Ricardo, o monitor que impartiu o curso de iniciación de Marcha Nórdica os días 15 e 16 de setembro, polo que a andaina tamén servirá para seguir afianzando o aprendido nos obradoiros. Para participar nesta actividade, que é aberta a toda a veciñanza, non é preciso inscribirse previamente. A próxima andaina deste programa, que clausurará a actividade, realizarase o 20 de decembro.