Solapas principales

O concurso Cartas de Nadal de Ames premiou as misivas de oito crianzas amesás

Lunes, 07 de enero de 2019

[07-01-2019] Durante a Festa de Reis celebrada nos pavillóns de Bertamiráns e Milladoiro este sábado, déronse a coñecer os gañadores e gañadoras da cuarta edición do concurso Cartas de Nadal, celebrado no Concello de Ames. Os Reis Magos foron os encargados de dar a coñecer os nomes dos gañadores/as, así como de entregarlles un agasallo a cada un deles.

Este sábado estivo marcado pola emoción dos cativos e cativas que esperaban con ansias a chegada dos Reis Magos. Moitos deles déronse cita nos pavillóns municipais do Milladoiro e Bertamiráns onde, ademais de múltiples actividades e sorpresas destinadas a que as nenas e nenos congregados pasasen momentos inesquecibles, tamén se deron a coñecer os nomes dos gañadores e gañadoras do concurso Cartas de Nadal.

Así, no Milladoiro os premiados foron Carlos Alberto Balboa de Andrade, do CEP Ventín, Erea Cendán Vázquez, do EEI do Milladoiro, Erín Bouzas Durán, do EEI do Milladoiro, e Iago Bouzas Durán, do CEP Ventín. Mentres que en Bertamiráns as crianzas gañadoras foron Candela Vázquez Pérez, do CEIP Agro do Muiño, Carmela e Icía Velasco Cures, do CEIP A Maía, e Mateo Sanmartín Castro, do EI O Bosque.

Os escolares do Milladoiro premiados recolleron o seu agasallo de mans de Melchor, Gaspar e Baltasar ao remate da festa no pavillón Milladoiro, mentres que os de Bertamiráns o fixeron ao comezo da celebración neste último pavillón.

IV Cartas de Nadal
Nesta edición do concurso, o lema foi “Faille máis sitio á lingua”, que animaba ás crianzas a utilizar a súa lingua, o galego, no maior número posible de contextos e situacións do seu día a día. Así, os participantes puideron compartir as súas vivencias e pensamentos cos magos nunha carta, da forma que elas ou eles consideraron, mediante a escritura, debuxos, pintura ou decoración variada.

O fío condutor nesta edición foi trasladarlles aos e ás cativas que as máis de 6.000 linguas que existen na Terra contribúen a encher de colorido e diversidade o noso planeta, polo que nesta ocasión se lles pedía ás nenas e os nenos de Ames que axudasen aos Reis Magos a practicar e mellorar o seu galego enviándolles unha carta na que explicasen onde e cando usan este idioma.

Cartas-resposta con sorpresa incluída
Todas as nenas e nenos que participaron e indicasen o enderezo correctamente recibirán a longo dos vindeiros días unha carta resposta cun pequeno agasallo de agradecemento.



Contido relacionado


Compostela 24 horas: "O concurso Cartas de Nadal de Ames premiou as misivas de oito crianzas amesás"