Solapas principales

Abre o prazo de solicitude de axudas para a plantación de árbores frondosas caducifolias co obxectivo de previr incendios forestais

Jueves, 31 de enero de 2019

[31-01-2019] Este xoves, 31 de xaneiro, sae publicada no BOP a convocatoria de axudas para desenvolver accións preventivas coa plantación de árbores frondosas caducifolias na rede de liñas secundarias para a xestión de biomasa definidas no plan de medidas preventivas fronte incendios forestais no período 2018-2019. Nesta liña de axudas poden participar exclusivamente os/as propietarios/as de fincas, que estean incluídas nos ámbitos 09 (Ventosa, Lombao, urbanización do Bosque Animado) e nos ámbitos 04A e 04B (monte de Outeiro - Pena Amarela). A esta liña de axudas destínanse 18.000 euros. O plan de prevención de incendios forestais, aprobado en Pleno, recolle ir actuando cada ano en diversas zonas do concello ata completar todas as parroquias. Nesta terceira fase, o Concello podería chegar a plantar ata 4.000 árbores nunha superficie aproximada de 12 hectáreas, dentro das faixas secundarias de xestión de biomasa. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e os impresos de solicitude.

Dende este xoves, 31 de xaneiro, e ata o vindeiro 11 de febreiro, os/as propietarios/as de parcelas dentro dos ámbitos 09 (Ventosa, Lombao, urbanización do Bosque Animado) e nos ámbitos 04A e 04B (monte de Outeiro - Pena Amarela) poden solicitar as axudas para a plantación de árbores frondosas. Este prazo poderá ser ampliado ata o 15 de marzo de 2019, como máximo. Esta ampliación poderá ser realizada previa proposta razoada da unidade xestora. Esta convocatoria de axudas foi aprobada na Xunta de Goberno Local do pasado 24 de xaneiro e sae publicada no BOP este xoves, 31 de xaneiro.

A terceira fase do plan municipal de prevención de incendios forestais do Concello de Ames dá continuidade á experiencia piloto posta en marcha en 2016 e que tivo continuidade no período outono/inverno 2017-2018. O goberno municipal, xunto cos técnicos municipais, determinaron que nesta terceira fase rematarase a actuación, que comezou no período 2017-2018, do ámbito 04, dividido en dúas partes 04A e 04B. Nesta ocasión actuarase no monte de Outeiro e Pena Amarela, así como no ámbito 09 (Ventosa, Lombao e na urbanización do Bosque Animado.

Nesta fase vanse plantar unhas 4.000 árbores frondosas nunha superficie aproximada de 12 hectáreas de 523 fincas (469 rústicas e 54 urbanas). Deste xeito, continuarase coa repoboación de árbores frondosas-caducifolias (castiñeiros, abeleiras, nogueiras e cerdeiras) que se plantarán tendo en conta as distancias indicadas na lei segundo a proximidade de casas, estradas, etc.

Investimento de 60.000 euros de fondos municipais
Este traballo realizase en coordinación entre o persoal técnico da Concellaría de Medio Ambiente e persoal contratado polo Concello para este fin. Deste xeito, unha técnica do departamento de Medio Ambiente márcalle diariamente as directrices do traballo a unha brigada, composta por un capataz e dous peóns. O Concello asume o custe da contratación deste persoal da brigada, que ronda os 34.000 euros, por un período de cinco meses.

A este importe hai que engadirlle o custe que supón dispor dun vehículo todoterreo e os equipo de protección individual (EPIS). Isto suma 8.000 euros, o que da un importe total de 42.000 euros. Ademais, o Concello asume o custe da compra de árbores e mailos traballos de preparación dos terreos para a posterior plantación que ascende a 18.000 euros. En total, o Concello destinará 60.000 euros de fondos propios á segunda fase deste plan.

Procedemento de participación
Os/as propietarios/as de fincas situadas nas zonas incluídas como prioritarias, dentro do plan de prevención de incendios forestais para o período outono/inverno 2018-2019, participaron nunha reunión informativa convocada polo Concello. A aqueles que non puideron acudir facilitóuselle un teléfono de información. Os veciños/as interesados/as teñen que presentar unha solicitude, para adherise a dito plan de prevención de incendios mediante a plantación de frondosas caducifolias.

Posteriormente, o persoal da brigada de repoboación forestal contactou con todas os veciños/as solicitantes, visitou e mediu as súas fincas, e elaborou un plan de plantación para as mesmas. Finalmente, presentáselle ao propietario/a. Se o veciño ou veciña está de acordo con dito plan de plantación, confírmase a adhesión ao plan, solicitándolle ao Concello unha subvención dun 80% de todos os traballos de plantación e planta.

Gastos subvencionados
Terán a consideración de gastos subvencionados os derivados da plantación de especies caducifolias nas faixas secundarias de xestión de biomasa determinadas no plan de repoboación aprobado polo concello. A planta pertencerá ao grupo das frondosas caducifolias, quedando totalmente excluídas eucaliptos, piñeiros e acacias, entre outras. Os traballos obxecto de subvención realizaranse nos meses de xaneiro a marzo de 2019, previa solicitude polos interesados ao Concello, e de acordo co fixado no plan de prevención do Concello de Ames.

O plan de repoboación realízase con especies caducifolias autóctonas que contemplará a inclinación, orientación, profundidade e tipo de chan. Evitaranse os cultivos monoespecíficos polo que a especie predominante non poderá supoñer mais dun 80% no total da plantación. Tamén se inclúe a preparación do terreo para a plantación de frondosas caducifolias (trituración de restos de poda; roza previa á plantación; apertura de casas mediante unha pa retroescavadora ou de xeito manual, dependendo das características do terreo; abonado; e plantación manual).


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Abre o prazo de axudas para plantar árbores caducifolias"
Compostela 24 horas: "Abren o prazo para as axudas para a plantación de árbores frondosas para previr os incendios forestais"
La Voz de Galicia: "La tercera fase del plan de Ames contra los incendios forestales atrae a cuarenta propietarios"